O TSXG estima na súa integridade a demanda da CUT contra a CRTVG

O sindicato denunciara a resolución do director xeral da compañía de xaneiro de 2014 na que, afirmaba, ''instaurar o autoritarismo nas relacións laborais e limitar gravemente os dereitos das profesionais da información''. Con esta sentenza, o TSXG deixa sen efecto os artigos da normativa denunciados pola CUT.

O Tribunal de Xustiza de Galiza estima na íntegra a demanda de conflito colectivo presentada pola CUT contra a resolución do Director Xeral da CRTVG do 10 de xaneiro de 2014 de uso dos sistemas de información. Así o anuncia o propio sindicato, maioritario na compañía, que afirma que segundo consta na sentenza a CRTVG vulnerou o dereito do Comité de Empresa a emitir informe previo para defender e representar os intereses dos traballadores e traballadoras, xa que dita resolución incide directamente sobre a organización e control do traballo.

A CUT salienta que a sentenza do TSXG deixa sen efecto "todos os artigos da normativa denunciados"

“Ese autoritarismo ao que tanto nos ten afeita a actual dirección da CRTVG, desprezando permanentemente á representación sindical e o conxunto do persoal, é o motivo polo que o TSXG estima integramente a demanda presentada só pola CUT”.

''Graves vulneracións de dereitos''

A resolución do 10 de xaneiro do director xeral da CRTVG, pola cal se adoptan medidas relativas, entre outras, ás comunicacións dos traballadores, supuxo para o sindicato maioritario, a CUT, unha serie de graves vulneracións. “Dos dereitos de liberdade sindical, liberdade de prensa, segredo profesional, confidencialidade das fontes de información, segredo das comunicacións, dereito de intimidade...”, apontaban desde a asesoría xurídica da Central Unitaria de Traballador@s.

Por iso a CUT presentou a comezos de abril unha demanda contra a Compañía Radiotelevisión de Galiza pola Resolución da Dirección Xeral “que instaura o autoritarismo nas relacións laborais e limita gravemente os dereitos das profesionais da información”.

Raquel Lema, responsábel da CUT nea CRTVG denunciara daquela que “estamos a sufrir unha estratexia de manipulación e silenciamento por parte da dirección de todas as voces disidentes”. Para Lema, “esta resolución non se podería entender sen as previas mostras de altura moral e xenerosidade dun persoal comprometido en denuncias públicas como as que se están a realizar dende iniciativas como o blogue eunonmanipulo dunha política sistemática de manipulación informativa que xa fede”