O TSXG eleva a indemnización a unha paciente informada por erro de que non presentaba o xene do cancro de mama

cirurxía quirófano hospital (Europa Press)

O alto tribunal estabelece unha indemnización de 109.054 euros por dano psíquico, incapacidade, prexuízo estético e intervencións cirúrxicas. A esa cantidade súmanse os 70.000 euros xa recoñecidos pola Xunta polos danos e prexuízos derivados da asistencia no hospital da Coruña, onde intercambiaron os resultados cos doutra muller

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) recoñeceu a unha paciente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) o dereito a ser indemnizada con 109.054 euros pola incapacidade, prexuízo estético, intervencións cirúrxicas e dano psíquico sufridos por mor de que, en marzo 2015, na Unidade de Xenética do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, lle intercambiaron as mostras relativas ao coñecido comunmente como xene do cancro de mama.

Nese momento, á demandante indicáronlle que non herdara a mutación de orixe familiar. Nove meses despois, quedou embarazada e, cando se atopaba no cuarto mes de xestación, foille diagnosticado un cancro de mama. “Comprobouse que outra mostra obtida o mesmo día doutra persoa si era positiva para esa mutación concreta”, explica o TSXG na resolución, na que destaca que, estudando outros marcadores xenéticos, “se confirmou que houbo un intercambio entre as mostras de dous individuos”.

O alto tribunal galego, que avala a indemnización por incapacidade, prexuízo estético e intervencións cirúrxicas recoñecida na sentenza de primeira instancia -104.054 euros-, acolle en parte o recurso de apelación interposto pola demandante e condena o Sergas a indemnizala con 5.000 euros polo dano psíquico. Á suma de 109.054 euros, tal e como explican os maxistrados na sentenza, deben engadirse os 70.000 euros xa recoñecidos en vía administrativa pola Consellería de Sanidade da Xunta da Galiza polos danos e prexuízos derivados da información errónea facilitada tras a asistencia prestada na Unidade de Xenética do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña para estudo xenético por antecedentes familiares de cancro de mama e ovario familiar.  

A Sala explica que a Administración recoñece -e por iso outórgalle a suma de 70.000 euros- “a existencia dun erro na súa actuación, que cualifica como infracción da lex artis, consistente na errónea información que recibiu a doente sobre os resultados das probas xenéticas que se lle realizaron en marzo de 2015, o cal lle privou da posibilidade de adoptar importantes decisións que afectaron o seu ámbito persoal e familiar, en definitiva, ocasionoulle de modo directo unha lesión na facultade de autodeterminación da reclamante”.

Ademais, o tribunal lembra que na sentenza apelada “non só recoñécese esa suma de 70.000 euros que en concepto de dano moral outorga a Administración”, senón que se engade, en favor da demandante, outra cantidade, a cal se desagrega en varios conceptos: 71.874 euros polo período de incapacidade; 29.336 euros por prexuízo estético; e 2.844 euros por intervencións cirúrxicas.

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo indica que “non pode deducirse sen máis” que a afectada non padecese dano psíquico algún indemnizable derivado da mala praxe sanitaria, é dicir, “da información errónea sobre a existencia da mutación xenética”. Por iso, acolle que se lle outorgue a suma de 5.000 euros neste concepto, porque “a orixe do devandito dano non estivo exclusivamente no erro na información facilitada, senón tamén no impacto que lle produciu a noticia do padecemento do carcinoma en 2016”.

A sentenza do TSXG non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.