A xustiza salienta o valor medioambiental do Iribio

O TSXG desestima o recurso da Xunta contra a paralización do parque do Iribio

Vista aérea da Serra do Iribio e do impacto das obras acometidas por Fergo Galicia Vento (Salvemos o Iribio).
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) mantén as medidas cautelares decretadas a finais de outubro. Daquela, o Tribunal suspendeu o acordo da Xunta no que se aprobou o proxecto eólico e ordenou a paralización das obras. Agora, por primeira vez, pon no centro o valor natural e paisaxístico da contorna onde se iniciou o proxecto.

O TSXG bota abaixo o recurso de reposición presentado polo Goberno galego após a suspensión cautelar do acordo da Xunta para a construción do parque eólico do Iribio. A decisión do Tribunal, a finais de outubro, motivou a paralización preventiva das obras que a empresa Fergo Galicia Vento iniciara no mes de maio nos montes de Samos e Triacastela.

Nese primeiro ditame, o TSXG exixía a actualización da declaración de impacto ambiental (DIA) e pedíalle á Administración que xustificase o uso industrial «pretendido pola Xunta», ademais de incidir nos mandados do plan director da Rede Natura, que prohiben a instalación de novos parques eólicos en zonas de especial protección.

Por fin un tribunal pon onde é debido a cuestión medioambiental. Por primeira vez pon no centro a protección do patrimonio natural e da biodiversidade.

Agora, nun novo auto, a xustiza argumenta que «as serias dúbidas sobre o carácter substancial da modificación aprobada, así como sobre a viabilidade da execución 'ex novo' dun parque eólico en espazo da Rede Natura 2000, a partir do ano 2014, aínda que se tivera aprobado con anterioridade, aconsellan fundadamente o mantemento da suspensión cautelar acordada».

Desde a Plataforma Salvemos o Iribio salientan que «por fin un tribunal pon onde é debido a cuestión medioambiental», ignorada até o momento. «Por primeira vez pon no centro a protección do patrimonio natural e da biodiversidade», afirman.

Unha demanda da sociedade

Neste sentido, as maxistradas do TSXG fan fincapé en que «os cambios lexislativos operados en materia de protección da paisaxe, natureza, fauna e flora, así como valores tradicionais, deixan a DIA de 2005 obsoleta». Segundo expón, «estabelece condicións que non se cumpren de altura e diámetro de varrido, e localización nos puntos de maior altitude, polo que a súa actualización resultaría imprescindíbel para protexer os valores existentes no territorio».

O tribunal refírese ás mudanzas normativas que exixen «unha adecuada protección do medio ambiente» que a día de hoxe, expón, «é unha das demandas da sociedade actual e unha obriga non so para calquera administración pública, senón para toda a cidadanía» segundo se estabelece a Lei do patrimonio natural e da biodiversidade da Galiza.

Para os colectivos ecoloxistas e veciñais en defensa do Iribio é fundamental que as maxistradas sinalen a transformación urbanística ilegal que promove o proxecto. «Afecta aos solos da Rede Natura e os solos non son un recurso renovábel», polo tanto, din, «Esta perda de solo non é compatíbel cos obxectivos de conservación dos hábitats de interese comunitario presentes na zona».

Contencioso administrativo

A xustiza obriga a empresa Fergo Galicia Vento a superar o proceso que calquera nova instalación debe cumprir atendendo a lexislación vixente, e insiste en que no seu caso «non se pode falar de repotenciación» dun parque eólico existente -previsto polo plan director da Rede Natura- e tampouco «dun proxecto non executado», xa que nin sequera «a primeira fase está implantada».

A Plataforma Salvemos o Iribio presentará antes do 27 de novembro a demanda para que o TSXG anule definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico.

A Plataforma Salvemos o Iribio presentará antes da vindeira terza feira, 27 de novembro, a demanda para que o TSXG anule definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico da serra do Iribio. Esta petición abrirá un procedemento contencioso administrativo que dirimirá quen ten a razón, e se o proxecto segue adiante ou non.

«Confiamos en que os autos do TSXG senten xurisprudencia e poñan alerta a Administración sobre o uso dos espazos protexidos. Eólicos si, pero non en calquera sitio nin a calquera prezo», conclúen desde Salvemos o Iribio.