O TSXG desbotou a obriga do certificado Covid porque "non é idónea nin necesaria"

O TSXG invalidou a exixencia do certificado Covid na hostalaría porque o Goberno galego non o solicitara (Foto: Úrsula Prego).
A Sala de Vacacións do TSXG conclúe que medida non é idónea porque non impide o contaxio, nin necesaria, polo menos, "no grao que resultaría exixíbel".

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de notificar o auto no que argumenta o fallo adiantado o pasado sábado, polo que se rexeitou a petición da Xunta de autorizar xudicialmente que certos estabelecementos tivesen a obriga de pedir aos clientes o certificado Covid. A Sala de Vacación do TSXG conclúe que medida non é idónea, xa que non impide o contaxio, nin necesaria, polo menos, "no grao que resultaría exixíbel".

Sobre a idoneidade da medida, afirman os maxistrados que "se as persoas que foron vacinadas ou padeceron a enfermidade, a pesar de desenvolver inmunidade fronte ao virus, poden ser potenciais transmisoras do mesmo", por parte da Xunta "non se explicou como se evitará o posíbel contaxio de quen accedese ao local amparándose na presentación dun xustificante" de PCR ou test de antíxenos negativa, "que só acredita que no momento da súa realización non eran portadores do virus activo, pero non que gocen de inmunización algunha fronte a este".

Baixa eficacia

Lembra, así mesmo, que conforme aos datos do Ministerio de Sanidade sobre as distintas comunidades autónomas, "na evolución dos últimos catorce días non hai datos significativos que indiquen unha eficacia da medida adoptada na Galiza, único trritorio no que se veu exixindo o denominado pasaporte Covid".

Sanidade debería acreditar con rotundidade que o maior número de contaxios da chamada quinta onda ten a súa orixe nos estabelecementos de hostalaría

Ademais, os maxistrados fan seu un argumento para o xuízo de idoneidade xa exposto polo TSJ de Andalucía/Granada: "a medida controvertida estabelece un deber exclusivamente a cargo do cliente, consumidor ou usuario, pero non pesa na mesma medida sobre quen se atope desenvolvendo a súa prestación laboral neses mesmos estabelecementos, de maneira que a medida non permite alcanzar o obxectivo de preservar do virus determinados espazos, pois podería darse o caso de que cumprindo todos os clientes dun local coa exixencia, con todo ningún dos empregados estivese en condicións de cumprila, de maneira que a restrición de dereitos da clientela sería en balde".

Demonizar a hostalaría

Sobre a necesidade da medida, indica a Sala que se se parte da premisa de que, segundo as previsións de vacinación, o seu avance suporá un importante freo a expansión do virus, "non ten moita xustificación que se implante unha medida como a que se examina", e conclúe que a Consellaría de Sanidade debería "acreditar con rotundidade que o maior número de contaxios da chamada quinta onda ten a súa orixe, precisamente, nos estabelecementos de hostalaría e restauración, en bares, cafeterías e restaurantes".

Resaltan os maxistrados na súa resolución que non lles parece "ecuánime demonizar ao sector de servizos de hostalaría estabelecendo agravios comparativos con outras actividades mercantís que se desenvolven en lugares pechados, como son os estabelecementos comerciais ou grandes superficies nos que, a pesar do seu uso masificado, non se exixe para o seu acceso a exhibición de ningún documento de carácter médico".

Dereitos fundamentais

En relación á postura da Administración, que defende que a medida non afecta os dereitos fundamentais relacionados coa intimidade e a protección de datos de carácter reservado, porque a exixencia do pasaporte imponse para o exercicio de actividades que son voluntarias e porque os datos non quedan rexistrados, nin se arquivan, senón que unicamente exhíbese un documento ante outra persoa, o tribunal esgrime que "precisamente o exercicio voluntario é o propio de todo dereito".

"Tamén deambular pola vía pública durante a noite é unha actividade voluntaria e non por iso se aceptou que os toques de queda nocturnos non afecten ao dereito fundamental á liberdade", engaden. En canto á non afección do dereito á protección de datos reservados, porque non se prevé que unha determinada información concernente á saúde sexa nin rexistrada, nin arquivada, senón que só se exixa a exhibición dun documento, "este argumento en ningún caso evitaría -defende a Sala- o risco de afección ao dereito da intimidade, que é máis amplo que o de protección de datos persoais, pois o certo é que se tome ou non se tome nota diso, o cliente tivo que desvelar a un terceiro unha información concernente á súa saúde que tiña dereito a manter reservada para si e o seu círculo íntimo".