O TSXG denega a suspensión cautelarísima da obriga de presentar o certificado Covid na hostalaría

O certificado Covid é un requisito para acceder ao interior da hostalaría e ao lecer nocturno en concellos con maior incidencia (Foto: Úrsula Prego).
Non aprecia as razóns de especial urxencia pretendidas pola asocaición Lugo Monumental para que se acorde a suspensión sen escoitar antes as razóns da Xunta. Ademais, autoriza a Xunta a limitar o dereito de reunión.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou a medida cautelarísima solicitada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental para que suspendese o requirimento de presentación dun certificado Covid emitido polo servizo público de saúde ou laboratorio oficial para acceder ao interior de estabelecementos hostaleiros e locais de lecer nocturno, así como as restricións relativas á ocupación nas terrazas en determinados concellos.

Dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supoñen que non se lle dea traslado do recurso á Xunta, o tribunal acordou, co obxectivo "de non furtar á Administración a posibilidade de facer alegacións e de atender a petición subsidiaria efectuada pola parte actora", que se continúe a súa tramitación como unha peza ordinaria de medidas cautelares.

Saúde pública

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG entende "non concorrente o requisito da urxencia", indispensábelpara adoptar a medida cautelarísima demandada, "xa que non se acreditou o concreto prexuízo inflixido á asociación hostaleira recorrente nin o seu carácter de irreparábel".

Así, o alto tribunal galego destaca que en todas as medidas adoptadas pola Xunta, incluídas as que son obxecto de impugnación, "subxace o interese en evitar a aglomeración de persoas, de procurar que se respecten as medidas de distanciamento e, en definitiva, de protexer a saúde pública facendo fronte aos gromos e ás cadeas de transmisións existentes, procurando garantir a súa contención".

Fundamento sanitario

Os maxistrados resaltan que teñen "un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como é a Covid". Así, subliñan que "nos atopamos antes unhas medidas de prevención que se adoptan nun contexto de emerxencia de saúde pública".

Ademais, advirten da "preocupante evolución do número de contaxios nestes últimos días na área xeográfica á que se estenden as medidas cuestionadas, afectando de forma predominante a mocidade, que é o grupo de poboación que frecuenta en maior medida as discotecas e demais locais de lecer nocturno, así como as cafetarías, restaurantes e bares".

Dereito á intimidade

No auto, o TSXG non entra a valorar os argumentos da asociación respecto da suposta vulneración do dereito á intimidade da cidadanía ao ter que exhibir documentación de carácter sanitario, xa que é unha cuestión que non lle compete neste estado do procedemento, "no que non cabe oír á Administración autonómica".

Os xuíces lembran que, neste momento do procedemento, limitan a súa actuación "para comprobar a motivación e xustificación prima facie das medidas adoptadas". Así, conclúen que non se acreditou a concorrencia das circunstancias de especial urxencia necesarias para a adopción da medida cautelarísima solicitada pola asociación.

Reunións sociais

Doutra banda, o TSXG autoriza a Xunta a limitar o dereito de reunión para "defender a saúde pública" ao entender que as medidas "cumpren as esixencias de seren idóneas, necesarias e proporcionadas".

Así, autorizou limitar as reunións en interiores ata un máximo de seis persoas, e en exteriores a dez, nos espazos tanto públicos como privados dos 313 municipios galegos, así como a prohibición de encontros con persoas non conviventes entre as tres e as seis da madrugada para a maioría de concellos, e entre a unha e as seis para aqueles que se atopan nunha peor situación epidemiolóxica.