O TSXG confirma por segunda vez a ‘’ilegalidade’’ das quendas de 1.300 traballadores da Consellería de Benestar

Beatriz Mato

Este persoal laboral presta os seus servizos nunha ducia de centros da provincia da Coruña. A Xunta fixou quendas de 7 días de traballo seguidos ou a libranza dun único domingo ao mes.

 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) confirmou por segunda vez a ‘’ilegalidade’’ das quendas de traballo duns 1.300 integrantes do persoal laboral da Consellería de Traballo e Benestar nunha ducia de centros da provincia da Coruña. A primeira sentenza favorábel a estes traballadores e traballadoras non tivo efecto algún, recoñeceron os sindicatos, posto que obrigaba a Benestar a negociar as quendas e esa negociación non se deu. Desde centrais como UXT critican que a conselleira Beatriz Mato presuma de promover a conciliación laboral e que na realidade impulse quendas que imposibilitan iso.

Desde a CIG, Xan Carlos Ansía lembrou que as quendas fixadas pola Consellería incluían 7 días de traballo seguidos, a cobertura de 14 festivos anuais sen ningunha compensación económica ou de descanso, e a libranza dun único domingo ao mes. Uns horarios “escravistas” que non só impiden a conciliación laboral e familiar, senón que tamén causan prexuízos físicos e psíquicos aos e as traballadoras, e tamén repercute na atención das persoas usuarias dos centros.