NOVA RESOLUCIóN CONTRA OS INTERESES DA CONSELLERíA

O TSXG confirma en 2 novas sentenzas o despedimento nulo de profesorado do Celga

Profesorado Celga

CIG-Ensino exíxelle o conselleiro de Educación que readmita o profesorado após se producir xa 28 resolucións nos xulgados do social de Galiza e 4 sentenzas no TSXG

 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de confirmar en 2 novas sentenzas o despedimento nulo de profesorado Celga. Son dúas resolucións que desestiman os recursos presentados pola Consellaría de Educación e ratifican a nulidade dos despedimentos de dúas profesoras, defendidas pola CIG-Ensino.

Xa son catro as resolucións nas que o TSXG confirma as sentenzas dos xulgados do social. O Tribunal  imponlle á Xunta, igual que nos casos anteriores, custas por unha contía de 600 euros.

O sindicato nacionalista indica que en todas as sentenzas o TSXG “confirma a existencia de represalias e di textualmente “a Xunta de Galiza decidiu precisamente cambiar o sistema de cursos de Celga no momento en que as reclamacións de laboralidade dos profesores Celga estaban empezando a colleitar éxito. E decidiu cambialo, precisamente, para deixar fóra aquel profesorado que se vían beneficiados pola denuncia sindical”.

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, considera “preocupante” que o novo conselleiro “persista na actitude represiva e de desobediencia aos tribunais de xustiza que están confirmando a relación laboral deste colectivo, a actuación ilegal da Consellaría de Educación e o comportamento represivo da mesma”.