O TSXG condena a Xunta pola "descoordinación" que demorou unha atención sanitaria

Imaxe do antigo hospital xeral de Lugo, onde foi atendido o ferido.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, TSXG, condena a Xunta pola súa responsabilidade na deficiente atención sanitaria que sufriu no ano 2012 un mozo accidentado nunha estrada do lugar de Vilanova, a 15 quilómetros de Lugo, cando conducía un quad e bateu cunha pedra na calzada. 

A sentenza fixa unha indeminzación de 50.000 euros pola demora de tres cuartos de hora na chegada da atención sanitaria, a recollida e o traslado do ferido, que sufriu lesións moi graves derivadas do traumatismo craneoencefálico resultado do accidente, que se produciu cando o home circulaba sen levar posto o casco preceptivo.

Consecuencia do sinistro, o lesionado sufriu importantes secuelas, polas que foi declarado inválido absoluto para todo traballo, con incidencia nas súas funcións físicas e psíquicas básicas, tales como a memoria ou a deambulación.

Na resolución, o tribunal vincula as lesións e secuelas principais ao sinistro, mais atribúe á Administración galega a responsabildiade pola "perda de oportunidade" dunha atención máis temperá, que podería ter suposto unha mellor evolución. 

Esta derívase, segundo recolle o ditame, da " da tardanza e a descoordinación que se detecta entre os diversos servizos" que interviñeron na asistencia in situ e o posterior traslado en helicóptero.

"A demora na recollida do ferido e posterior traslado ao hospital contravén os estándares de seguridade esixíbeis, pois loxicamente en condicións normais de funcionamento dos servizos de emerxencia a distancia de 15 quilómetros entre o lugar do contratempo e Lugo percorreríaa a ambulancia nun tempo moito menor do empregado", estiman os maxistrados, que aluden tamén á "falta de atención dos membros da ambulancia ás indicacións que lles facía o alertante para chegar".

Esa última conclusión baséase na palabra dunha testmemuña, que censurou que os servizos non atenderon ás indicacións que se lle facían para chegar, mais tamén á gravación das chamadas, que corroborou esta versión.

Nese sentido, a sentenza lembra que a planificación das actuacións e a coordinación entre as distintas Administracións Públicas implicadas, corresponde á Xunta, que debe ocuparse, a través do servizo de emerxencias 112, da localización da vítima.