O TSXG condena o Sergas a pagar 105.000 euros por unha morte prenatal en Pontevedra

O seguimento fíxose no complexo hospitalario de Pontevedra.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de estimar o recurso dunha muller e maila súa familia pola morte antenatal da súa filla no ano 2016, pola que o Sergas terá que pagar unha indemnización de 105.000 euros. 

A sentenza, que revoca a desestimación da reclamación feita perante a Xunta e a dun xulgado do contencioso administrativo de Pontevedra, estima que existiu responsabilidade patrimonial por parte da Administración sanitaria no óbito, pola non realización das probas complementarias que pauta a Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia á nai, que impediron detectar unha anomalía na inserción do cordón umbilical na placenta, "un dos principais factores de risco" para o feto.

Segundo se recolle na resolución xudicial, a morte produciuse pasada a semana 40 da xestación por rotura de vasa previa, unha afección que ocorre cando os vasos do cordón umbilical pasan por parte da membrana amniótica no canto de ir directamente á placenta. "Un diagnóstico prenatal tería imposto a necesidade dunha cesárea programada, mais neste caso non se sospeitou no diagnóstico", apuntaba o ditame agora emendado polo alto tribunal galego.   

Este, na súa sentenza, conclúe que existiu unha infracción recriminábel á Administración, malia que a muller si foi sometida ás ecografías que estabelece o protocolo, por un suposto de "perda de oportunidade". Segundo se fai constar, ante a detección, na proba efectuada no segundo trimestre, de que a placenta estaba baixa, debíase ter realizado probas complementarias para desbotar a existencia de calquera anomalía, como a que se produciu. 

"A realización desas comprobacións, imperativas neste caso, terían permitido constatar que, ou ben nese momento non existía ningunha anomalía, ou ben que a recorrente presentaba unha situación que determinaba que se programase no seu día un parto por cesárea", fai notar o tribunal da sala do contencioso administrativo, que fai valer o criterio dun perito, na conclusión de que  "a detección desa anomalía e, en consecuencia, a fixación da cesárea programada permite obter un resultado plenamente satisfactorio nunha porcentaxe de case 95% dos casos".