SOCIAL

TSXG conclúe que a aseguradora do Marisquiño debe pagar a asistencia ás feridas do accidente de 2018

Dársena do Paseo das Avenidas após o accidente (arquivo/112).
A compañía pode volver reclamar eses gastos no futuro fronte a quen sexa sinalada como responsábel do accidente na investigación penal que está en curso e na que figuran como investigadas técnicas do Porto e do Concello de Vigo.

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), na que desestima un recurso interposto por Mapfre, estabelece que a aseguradora debe asumir o custo da asistencia sanitaria ás feridas durante un concerto celebrado en Vigo, na edición de 2018 do festival O Marisquiño, cando se afundiu parte da pasarela de madeira do Paseo das Avenidas

A Sala do Contencioso do alto tribunal galego desestimou un recurso interposto por Mapfre, a quen a Xunta estendeu unha factura en concepto do gasto por asistencia sanitaria a unha persoa ferida durante ese concerto, na noite do 12 de agosto de 2018. 

Na súa sentenza, o TSXG sinala que a aseguradora da empresa que organiza o festival debe soportar os gastos de asistencia sanitaria das lesionadas naquel accidente, xa que na póliza subscrita recollíase como risco asegurado a organización de eventos culturais e deportivos e, en concreto, o festival O Marisquiño.

Aínda sen responsábel penal

Na resolución, contra a que cabe recurso, tamén se sinala que a compañía pode volver reclamar eses gastos no futuro, fronte a quen sexa sinalada como responsábel do accidente na investigación penal que está en curso (na que están investigadas técnicas do Porto de Vigo e do Concello).

Fontes xudiciais confirmaron que se trata da terceira sentenza ditada polo TSXG no mesmo sentido, é dicir, estabelecendo que a aseguradora debe pagar a asistencia sanitaria ás feridas no accidente da noite do 11 ao 12 de agosto de 2018 cando, durante a celebración dun concerto, parte do paseo e a dársena sobre a que estaban centos de persoas afundiuse, causando máis de 460 feridos.

Porto e Concello de Vigo responsabilizáronse mutuamente do mal estado dese paseo cuxa estrutura inferior, segundo constatou a xuíza instrutora da causa, non tivo mantemento desde que foi construída hai máis de 30 anos.