Xustiza

O TSXG concede a un empregado público o dereito a 22 semanas de permiso de paternidade, igual que o da nai

Sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. (Foto: Europa Press)
Os maxistrados revogaron a sentenza de instancia e declararon o dereito deste traballador público a gozar, en contra do que di a normativa galega, dun permiso por nacemento de crianza doutras seis semanas de duración, a maiores das 16 recoñecidas por lei.

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de conceder a un home, empregado público da Xunta, o dereito a seis semanas de permiso adicional, a maiores das 16 estabelecidas por paternidade —o que fai un total de 22—, en igualdade de condicións coas nais biolóxicas.

Nun auto emitido o pasado 6 de xuño, os maxistrados estiman un recurso de suplicación interposto por este traballador do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Administración galega, contra a sentenza de primeira instancia que desestimara a súa petición.

Así, este novo veredicto do alto tribunal galego afirma que o artigo 124.1 da Lei de emprego público da Galiza é contrario a unha directiva europea do ano 2019 —aínda non foi trasposta ao dereito español, malia que xa expirou o prazo para facelo— sobre conciliación, que avoga por, entre outros asuntos, unha "repartición igualitaria das responsabilidades no coidado", para o que se precisan solucións legais no ámbito laboral.

A maiores, o TSXG tamén considera que o mencionado precepto da Lei galega de emprego público contravén o artigo 14 da Constitución española e a Lei Orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Por iso, os maxistrados revogaron a sentenza de instancia e declararon o dereito deste traballador público a gozar, en contra do que di a normativa galega, dun permiso por nacemento de crianza doutras seis semanas de duración —do que si gozaban as nais ou proxenitores xestantes—, a maiores das 16 que lle recoñeceu a Administración.

Tras coñecer esta sentenza, a CIG emitiu un comunicado no que celebra que o TSXG considere que esta diferenza recollida na lei é unha "discriminación indirecta por razón de sexo" porque deixa as persoas dun sexo "en desvantaxe particular con respecto ás do outro".