O TSXG carga contra os VTC: non poden facer servizos urbanos na Coruña

Un home ante un vehículo da multinacional Uber. (Foto Sebastian Gollnow dpa)

O alto tribunal aclara que os VTC non poden facer servizos urbanos na Coruña, limitando a súa actividade a traxectos interurbanos mentres se resolven os recursos contra a ordenanza municipal.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de deixar claro que os vehículos de transporte con condutor (VTC) teñen prohibido realizar servizos urbanos na cidade da Coruña.

A resolución, emitida como aclaración dun auto anterior, lembra que estes vehículos só poden efectuar traxectos interurbanos mentres non haxa un pronunciamento definitivo sobre a ordenanza municipal que regula esta actividade.

O auto responde á petición realizada polo propio Concello da Coruña, que solicitara ao tribunal precisar se as medidas cautelares ditadas en outubro —que permitían aos VTC acceder á Zona de Baixas Emisións en igualdade de condicións que os taxis— se estendían tamén ao resto da actividade dentro do termo municipal.

O TSXG aclara agora que non: a autorización limítase exclusivamente ao acceso á ZBE, mais non lles permite operar na cidade nin asumir percorridos urbanos, algo que continúa vetado.

A decisión chega nun momento de forte tensión entre o sector do taxi e as plataformas de VTC, e nun contexto no que varias empresas impugnaron a ordenanza impulsada polo Goberno local. Mentres non se resolvan estes recursos, o tribunal mantén a prohibición de que os VTC actúen como servizo urbano encuberto.