O TSXG avala a luz verde da Xunta ás obras da Porta do Sol de Vigo

Xacemento arqueolóxico da rúa Elduayen. (Foto: Nós Diario)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ditou sentenza desestimando un recurso interposto pola asociación Vigo Histórico e varios particulares contra a resolución da Xunta que autorizou as obras de soterramento do tráfico en Porta do Sol e Elduayen.

Segundo se expón na sentenza, os demandantes reclamaban que se declarase nula a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio que autorizaba as obras, e expoñían unha serie de argumentos como que non se tivo en conta a afectación ao Casco Vello de Vigo (declarado BIC) e ao Camiño Xacobeo Portugués pola Costa, ou a vulneración dos principios da boa administración ao non responder ás súas solicitudes.

Na súa sentenza, o alto tribunal galego refuta estes argumentos e sinala, entre outras cuestións, que a obra se adapta ao PEPRI do Casco Vello e que a Xunta cumpriu a súa responsabilidade ao advertir de que os achados arqueolóxicos requirirían unha intervención singularizada.

Por tanto, a administración galega "non deixou de intervir no ámbito" e, se os demandantes querían opoñerse á aprobación da obra por considerar que se prescindiu da autorización cultural, deberían dirixirse á administración municipal.

Con respecto á premisa de que estaría afectado o Camiño Portugués pola Costa, o tribunal lembra que só se identifican como territorios históricos protexidos nese sentido os tramos que estean delimitados.

No caso do termo municipal de Vigo, ese tramo do roteiro xacobeo non está delimitado formalmente, polo que "a actuación non supón unha afección a un ben cultural que xustifique a imposición de condicións específicas para garantir a súa salvagarda".

Finalmente, sinala que a Consellaría de Cultura incoou unhas dilixencias informativas e non atopou ningún "parámetro ilegal" nas obras que leva a cabo o Concello; e que tampouco hai indicios de que o Goberno galego vulnerase o principio de boa administración.

Á vista desta sentenza, o alcalde de Vigo celebrou que o TSXG rexeitase as reclamacións de Vigo Histórico, que "pretendía parar a obra do túnel de Porta do Sol e Elduayen".