O TSXG avala o acceso da prensa aos datos sobre contaxios e falecementos en residencias privadas

Fachada da residencia de DomusVi no barrio de Matogrande. (Foto: Nós Diario)
Segundo o fallo do TSXG, esta información permite que a opinión pública poida avaliar "a eficacia das medidas adoptadas, así como o destino do diñeiro público".

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) emitiu na segunda feira unha sentenza que avala que os xornalistas teñen o dereito para acceder á información do número de contaxios e falecementos por Covid-19 ou síntomas compatíbeis ocorridos en cada residencia de maiores privada da Galiza entre o 1 de marzo e o 30 de abril de 2020.

O fallo, emitido pola Sección Terceira da Sala do contencioso-administrativo e contra o que aínda cabe recurso de casación, confirma unha resolución da Consellaría de Política Social pola que concedeu o acceso a eses datos e que foi recorrida polas residencias, que se opoñían a facilitar a información.

Segundo o criterio dos maxistrados, neste caso debe primar o dereito ao acceso á información pública que consagra a Constitución española no seu artigo 105, así como as leis estatal e galega de transparencia.

"O interese público da información solicitada debe prevalecer sobre o interese comercial das empresas. A afectación de tales intereses, como alegan os centros, é puramente especulativa, sen fundamento real", di a sentenza. Segundo o fallo do TSXG, esta información tamén permite que a opinión pública poida avaliar "a eficacia das medidas adoptadas, así como o destino do diñeiro público".

"Natureza de información pública"

O auto destaca que eses datos foron recollidos pola Consellaría de Política Social "en exercicio das súas funcións" e que, por tanto, teñen "a natureza de información pública que lle atribúe" as leis de transparencia.

As empresas recorrentes foron  Geriatros SA (que opera baixo a marca DomusVi),  Quavitae Servizos Asistenciais  SAU, Sar Residencial e Asistencial SA, Xeriátricos do Principado SA e Gero Vitalia SL.

Todas elas alegaban que o acceso a esta información vulneraba o dereito á honra, a intimidade e a imaxe dos usuarios; que producía "un prexuízo para os intereses económicos e comerciais"; e que provocaba "un demérito na estima pública" das compañías titulares dos centros.

As empresas afirmaban que estes datos non ofrecen unha "imaxe real da realidade do esforzo feito" polas residencias durante a pandemia.

Con todo, os maxistrados rexeitan estes extremos porque "os datos solicitados están completamente  disociados de ningún tipo de información, de maneira que non resulta posíbel identificar algunha persoa dese único dato numérico".

Política Social seguirá sen dar os datos

Consultada por Europa Press, a Consellaría de Política Social sinalou que polo de agora seguirá sen facer públicos estes datos.

A Xunta argumenta que agardará até que a sentenza sexa firme para ofrecer os datos desagregados por centros privados.