O TSXG autoriza esixir o certificado Covid a acompañantes e visitas de pacientes ingresados nos hospitais

Hospital Lucus Augusti (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O alto tribunal rexeita que a presentación do certificado de vacinación, recuperación ou proba negativa constitúa "un sacrificio desproporcionado"

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) autoriza a Xunta a implementar a medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición do pasaporte Covid para o acceso aos hospitais públicos e privados da Galiza das visitas e acompañantes, maiores de 12 anos, dos doentes ingresados.

A medida, que terá efecto desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ata as 00.00 horas do 4 de decembro, cumpre, segundo os maxistrados, "a función de evitar contaxios e de minimizar os riscos".

Os xuíces argumentan no auto que é "unha evidencia científica" que a transmisión da Covid entre as persoas vacinadas é "moito menor á das non vacinadas", polo que rexeitan que a exhibición do certificado de vacinación, recuperación ou proba negativa constitúa "un sacrificio desproporcionado" para os visitantes ou acompañantes dos enfermos.

Os maxistrados consideran "xustificado", debido á situación epidemiolóxica actual do territorio, adoptar "medidas que permitan conciliar a posibilidade de que o paciente reciba visitas e estea acompañado coa necesidade de evitar contaxios".

Seguridade sanitaria

A Sala destaca no auto que a medida ten como obxectivo controlar o acceso de persoas a espazos fechados dos hospitais nos que se poden agrupar "factores que aumentan o risco de transmisión do virus", pois neles "estabelécense contactos próximos e prolongados entre os doentes e os seus acompañantes e as visitas, en ocasións en cuartos compartidos con outras persoas ingresadas, mesmo coa posibilidade de pasar a noite".

Ademais, indica que nesas dependencias realízanse actividades nas que é necesaria a retirada da máscara ou existe dificultade para o seu uso correcto, á vez que salienta que a Xunta trata de "garantir a seguridade sanitaria" e de "diminuír o risco de contaxio neste tipo de establecementos".

O tribunal tamén recalca que a orde limita a exhibición da documentación aos centros onde os pacientes están hospitalizados, pois "exclúe expresamente outros espazos como consultas hospitalarias ou servizos de urxencia, xa que neles non se produce unha estancia prolongada, co consecuente risco de transmisión do virus".

Acceso a non vacinados

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG sinala que a "redución significativa dos contaxios" que persegue a orde da Xunta "alcanza maior significado cando se trata de protexer tanto aos doentes hospitalizados, que presentan unha especial vulnerabilidade, como ao persoal que presta o servizo de asistencia sanitaria e que desenvolve o seu traballo no interior dos hospitais".

Para autorizar a medida, o TSXG tamén tivo en conta que a Consellería de Sanidade ofrece unha alternativa ás persoas que non estean vacinadas, pois permitiráselles o acceso se aceptan voluntariamente someterse a unha proba diagnóstica realizada no hospital. Contra a resolución do alto tribunal galego cabe interpoñer recurso.