O TSXG anula un concurso de acceso a cátedra nos Conservatorios superiores

Proceso selectivo desenvolvido en Galiza (Xunta)
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de anular un dos apartados das bases do procedemento de acceso ao corpo de cátedra de música e artes escénicas nas especialidades vinculadas ao ensino superior de música, que se imparten nos Conservatorios superiores, promovido pola Xunta en marzo de 2018. 

A resolución estima que, co punto en cuestión –relativo á acreditación da formación e capacidade de tutela nas investigacións propias dos ensinos artísticos–, "infrínxense os principios de igualdade, mérito e capacidade". En consecuencia, o fallo deixa sen efecto os nomeamentos de cátedra que se realizaron conforme á cuestión. 

O procedemento xudicial invalida o apartado das bases do concurso no que se fixaban as condicións subsidiarias de acreditación da formación e capacidade de tutela nas investigacións, que pautaba ter impartido catro cursos académicos de docencia nun centro superior de ensino artístico e ter tutelado, como mínimo, un traballo de final de estudos ou un traballo ou concerto de fin de carreira, excepto nas especialidades que carecen de titulación propia específica.

A persoa recorrente impugnou tales condicións, por consideralas "unha excepción aos requisitos estabelecidos na lexislación básica" que abrían "unha vía ao acceso á condición de catedrática a persoas que non tivesen realizado labor ningún de investigación sin se tivesen molestado en formarse". Como sinalaba no recurso, esta posibilidade resulta "totalmente arbitraria e contraria a dereito, así como discriminatoria respecto daquelas persoas aspirantes que si cumpren con todos os requisitos estabelecidos normativamente para poder acceder á catedra". 

Falta de idoneidade

Así o entende tamén a sala do contencioso administrativo do TSXG, que conclúe a falta de idoneidade das condicións recollidas no punto das bases obxecto de litixio."Non se garante que por esa vía poida cumprirse a acreditación da formación e capacidade de tutela de investigacións propias dos ensinos artísticos en condicións equiparábeis a quen cumpren as condicións do apartado 1", falla. 

Para o avogado que representou á recorrente, Francisco Javier Felípez, "o que pretendía a Xunta "era premiar unha xente que leva moitísimos anos traballando como interina nesas prazas, pero que nin se formou nin se dedicou a actualizarse".

"Entón, todas as persoas profesionais máis novas que fixeron mestrados e doutoramentos quedaron sen praza cumprindo as esixencias da normativa básica estatal", valora o letrado, quen considera que o resultado do proceso é "de pura lóxica e unha cuestión de xustiza".