O TSXG admite a trámite os tres recursos contenciosos de Adega contra senllos parques eólicos de Greenalia

Parque eólico de Greenalia en Vimianzo (Foto: Greenalia).
O colectivo ecoloxista salienta que estes proxectos "afectan unha área proposta en 2008 e 2011 para ser incorporada á Rede Natura 2000".

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) notificou esta terza feira que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de admitir a trámite os tres recursos contencioso-administrativos presentados xunto coa Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC) contra tres parques eólicos de Greenalia en Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia.

Trátase, en concreto, dos proxectos Bustelo, Campelo e Monte Toural, todos eles declarados "de interese especial" polo Consello da Xunta en maio de 2018, "cando aínda exercía de conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, quen agora forma parte do Consello de Administración da empresa Greenalia", salienta Adega nun comunicado.

Con estes recursos, Adega e PDCC buscan que a Xustiza anule as autorizacións outorgadas polo Goberno galego en relación a estes tres proxectos eólicos, así como "demostrar no TSXG que todos eles forman parte dun único macroproxecto industrial sometido a unha manobra de fragmentación fraudulenta" coa fin de "esquivar a axeitada avaliación ambiental dos efectos sinérxicos das tres instalacións sobre un mesmo territorio".

"Ademais, a declaración destes tres parques como proxectos de 'interese especial' outorgoulle á empresa da ex-conselleira Beatriz Mato prioridade na tramitación fronte a outros proxectos, malia que todos eles constitúen un importante impacto sobre o medio natural", salienta o colectivo ecoloxista.

Estes tres parques eólicos, lembra Adega, "afectan unha área proposta en 2008 e 2011 para ser incorporada á Rede Natura 2000 e poñen en risco un endemismo único no mundo, a Centaurea ultreiae, unha planta en perigo crítico de extinción e cuxa poboación se atopa nos dez quilómetros cadrados sobre os que a Xunta vén de autorizar estes tres proxectos".

O TSXG dá un prazo improrrogábel de vinte días para que a dirección xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta remita a este órgano xudicial os expedientes administrativos relativos aos parques eólicos recorridos e empraza ás partes demandadas a persoarse no procedemento no prazo de nove días.

"Os custos derivados da interposición dos tres recursos contencioso-administrativos irán a cargo do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, campaña de recadación colectiva promovida o ano pasado para iniciar accións xurídicas na defensa do territorio fronte a invasión eólica", conclúe Adega.