O TSXG absolve un home acusado de agredir sexualmente a súa sobriña menor de idade

Edificio do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). (Foto: Europa Press)
O alto tribunal galego cuestionou a actuación da Audiencia de Pontevedra ao non chamar novamente a declarar á vítima da agresión.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de absolver un home condenado a 10 anos e seis meses de prisión por agredir sexualmente a súa sobriña cando aínda era menor de idade, e que conta cunha minusvalía diagnosticada de 42%.

O alto tribunal galego revoca así a sentenza anterior da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra, na que ademais da pena de prisión, impoñíalle unha orde de arredamento vixente durante 18 anos, oito anos de liberdade vixiada e unha indemnización de 16.000 euros. Medidas que agora quedan sen en efecto.

Segundo recolle o auto da Sala do Pena e o Civil do TSXG, "non é factíbel construír o xuízo de autoría do acusado con arranxo a un discurso sólido e expresivo do grado de certeza exixido para fundamentar a súa condena polo imputado delito".

Asemade, o tribunal cuestiona a actuación da Audiencia de Pontevedra ao non solicitar unha nova declaración da vítima durante o acto da vista oral. Para o TSXG, o órgano provincial debeu chamar a declarar novamente á menor de idade ou reproducir ante o plenario a súa declaración ante os técnicos do Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga) que a atenderon, para "garantir" a posibilidade de defensa do acusado.

Decisión da Audiencia de Pontevedra

No momento de abrir as dilixencias, a Audiencia de Pontevedra decidiu non chamar a declarar á agredida sexual para evitar que pasase por unha posíble situación de presión ao ter que relatar novamente os feitos sucedidos. Neste sentido, o tribunal engadiu como proba aos autos as gravacións da declaración da menor ante o persoal do Imelga.

Pero o TSXG non só se mostra crítico pola actuación da Audiencia de Pontevedra, senón que tamén cuestiona o resto de probas aportadas pola acusación e a investigación.

Ante a decisión de absolver o agresor aínda cabe a posibilidade de interpor un recurso de casación ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo (TS).