Os condenados por malos tratos con orde de afastamento non poden achegarse á vítima nin co seu permiso

Sede do Tribunal Supremo (Foto: Europa Press).
Na ratificación dunha condena a un home acusado de asasinato en grao de tentativa, o Tribunal Superior insiste en que as decisións xudiciais deben primar o que ditan as resolucións xudiciais.

O Tribunal Supremo (TS) concluíu que o feito de que unha vítima de violencia de xénero dea o seu consentimento á súa parella para que quebrante unha orde de afastamento débese entender sempre dentro dun contexto "intimidatorio innegable, consustancial aos episodios prolongados de violencia doméstica". Así, os maxistrados fixaron que deben prevalecer as decisións xudiciais fronte os desexos da vítima e que os condenados por este tipo de delitos non poden achegarse a estas nin co seu permiso.

Nunha sentenza, o tribunal estudou o caso dun home que cuestionaba a condena que se lle impuxo por quebrantar unha medida de afastamento porque, segundo defendía, un dos seus fillos dixéralle que a muller lle dera permiso para acudir á súa casa.

O home foi condenado en xaneiro de 2020 por un delito de ameazas leves no ámbito da violencia de xénero a 22 días de traballo comunitario e á prohibición de achegarse a menos de 100 metros da súa parella, ao seu domicilio, lugar de traballo ou calquera outro lugar que frecuente. Seis días despois, tras celebrarse o procedemento de divorcio, acudiu á casa da muller e "usando un obxecto contundente metálico [...] coa intención de causar a morte" golpeouna na cabeza sen previo aviso.

Segundo consta na resolución, a muller caeu ao chan e o home "seguiu golpeándoa reiteradamente". Un dos fillos en común, ao darse conta do que sucedía, "colleu dun moble unhas tesoiras para defender a súa nai". O pai, con todo, golpeouno co mesmo obxecto. O mozo conseguiu escapar e pedir axuda.

O condenado levou o caso ao Supremo ao considerar que non era "verosímil" entender que el tentara asasinar a súa parella. Insistiu en que aquel día foi á casa para preguntar á muller se lle daba permiso para ducharse no domicilio, como lle dixera un dos seus fillos. Asegurou, ademais, que a muller "caeu ao desmaiarse, pois padecía de diabetes e sufría das cervicais" e que nin ela nin o fillo que resultou agredido foron capaces de aclarar con que obxecto lles pegou.

Desestima o recurso e confirma a condena

Os maxistrados do alto tribunal desestimaron estes argumentos e o resto de alegacións que presentou o agresor. Insistiron en que o home "sabía que sobre el pesaba unha orde de afastamento que lle impedía comunicarse ou aproximarse á súa muller".

Neste sentido, o tribunal lembrou que "as resolucións xudiciais só poden ser modificadas ou suprimidas polos xuíces e tribunais que as ditaron e non polas persoas afectadas".

Na resolución, da que foi relatora o maxistrado Juan Ramón Berdugo, o Supremo recalcou que xa o propio Tribunal Constitucional fixou que se debe primar o que diten as resolucións xudiciais. É dicir, que nestes casos, aínda que a muller acceda a que a súa parella se achegue a ela ou ao seu domicilio, estarase a quebrantar a orde de afastamento.

En 40 folios, os maxistrados explicaron que o dereito penal sobre violencia de xénero ten unhas "finalidades" que "non se poden conseguir se se permite á vítima deixar sen efecto decisións acordadas pola autoridade xudicial no seu favor".

Desta maneira, o Supremo desestimou o recurso do agresor e confirmou a condena que lle impuxo a Audiencia Provincial de Pontevedra (e que avalou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza) dun total 19 anos de prisión: 14 anos e 4 meses por un delito de asasinato en grao de tentativa; 4 anos e 2 meses por un delito de lesións agravadas; e 6 meses por un delito de quebrantamento de condena.

O alto tribunal tamén acordou manter as penas de inhabilitación, a orde de afastamento por 34 anos e a indemnización de 47.000 euros para a muller e de 15.500 euros para o fillo.