Triunfa o 'mobbing inmobiliario': Aurelia Rey xa fixo a mudanza

[Imaxe de arquivo: SG]

Após botala fóra por demorar no pagamento dun mes de arrendamento, á propietaria quédalle libre a vivenda, nunha das rúas máis cotizadas da Coruña


Malia que a presión social demorou dous meses o obxectivo, o 'mobbing inmobiliario' ao que foi submetida a anciá da Coruña Aurelia Rey por parte da familia que lle arrandaba o piso saíu finalmente coa súa. 

Após asinar o contrato de aluguer, fóronlle entregadas as chaves dunha vivenda social adxudicada polo Instituto galego de vivenda e solo, das primeiras opcións (e das únicas) que a Xunta puxo riba da mesa e que a muller desbotara polo desarraigamento social que lle supuña o translado ás aforas da cidade após vivir na mesma casa, no medio e medio da cidade, desde 1979.

A mobilización social encabezada pola plataforma Stop-desafiuzamentos arroupou Aurelia desde que se coñeceu que sería expulsa da súa vivenda por demorar no pagamento dun mes de arrendamento até esta quinta feira, cando lle axudaron a carrexar os seus enseres até o novo inmoble.

Nunha entrevista en Sermos Galiza, a anciá denunciara xa as precarias condicións en que vivía: "cando cheguei o piso era inservíbel, non servía para vivir nel. Estaba até sen pintar. Aínda non ten nin quecedor da auga", polo que considerou que os 165 euros mensais que pagaba (o mesmo que pagará polo novo inmoble) "eran dabondo".

Aluguer de renda antiga

Non o pensou así a propietaria, María Pereira, integrante da coñecida e adiñeirada familia Pereira. Segundo denunciaron en reiteradas ocasións desde Stop-desafiuzamentos, a causa probábel para tanto interese en que Aurelia marchara do inmoble é que a muller pagaba en virtude dunha renda antiga case seis veces menos do que a día de hoxe podería custar o aluguer na rúa Padre Feijóo, das máis cotizadas da cidade herculina. 

Con todo, o avogado da anciá, Antonio Vázquez, está satisfeito co resultado final: "tiñamos unha sentenza de despexo que se estaba a executar. De se levar a cabo, o que tería acontecido sería que o 18 de febreiro dona Aurelia estaría na rúa cos seus bártulos". Foi a presión cidadá a que conseguiu que non fora así, nunha tensa xornada que se saldou cunha polémica carga policial que o Goberno español dixo que non existira; e cun bombeiro convertido en 'heroe' após negarse a cortar a cadea do portal da muller. 

Inmoble novo, novas relacións sociais

Desbotada a única posibilidade que facilitou o Concello, o seu ingreso nunha residencia de persoas idosas, Aurelia Rey vivirá agora nun sexto piso e, en comparación co inmoble que habitaba antes, di que estoutro, máis novo, "é un luxo". Recibiu as chaves esta quinta feira, o mesmo día en que remataba o prazo de dous meses que a familia Pereira lle dera antes de volver activar a orde para o despexo forzoso.

A vivenda non ten aínda luz nin auga, mais conta con que o subministro sexa dado de alta de inmediato para se instalar. Ela xa fai plans para se organizar: "primeiro teño que montar a miña cama e despois o comedor. O que non sei é onde porei a máquina de coser".