Manifestación

Unha trintena de colectivos animalistas, contra a “lei de desprotección animal”

[Imaxe: TVG]

As rúas de Santiago acolleron na mañá do domingo unha mobilización en que participaron máis de trinta colectivos animalistas e persoas a título individual para protestar contra a que denominan “lei de desprotección animal”.

O anteproxecto de lei de protección animal espertou este domingo un protesto en contra secundado por máis de trinta colectivos animalistas, que cualifican a normativa de “lei de desprotección animal”.

 

En declaracións aos medios, Ana Sánchez, membro dunha protectora, advertiu de que o anteproxecto de lei “retrocede mesmo ao 1993, ano en que se aprobou a anterior normativa, pois só inclúe os animais de compañía”. As e os animalistas reclaman que a lei “inclúa todo tipo de animais”.

 

Aliás, as persoas manifestantes advertiron de que a norma que prepara o Goberno de Alberto Núñez Feijóo vai promover a privatización de centros autorizados, de maneira que vai provocar que empresas se lucren a costa do abandono animal. De aí que a denominen “lei de desprotección”.

 

Os colectivos en defensa dos animais denuncian que o anteproxecto discrimina animais de produción, cabalos, touros ou os de experimentación e lamentan que o obxectivo non sexa rematar co maltrato e o abandono, senón facer negocio.

 

Alén do anterior, as entidades participantes cargaron contra o Goberno de Feijóo por non contar cos colectivos animalistas e reclaman a modificación do anteproxecto para incluír as máis de 70 emendas que defenden.