O Tribunal Supremo desestima a demanda de Laureano Oubiña contra 'Fariña'

Laureano Obiña, o 21 de novembro de 2023 á súa chegada aos xulgados de Vilagarcía de Arousa. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
O Tribunal Supremo vén de dar a razón á produtora e ás plataformas que emitiron Fariña e descarta que a serie vulnerara a honra, a intimidade ou a imaxe dun dos narcos condenados que aparecía na ficción co seu nome real. A Sala Civil considera que as escenas cuestionadas son unha recreación narrativa amparada pola liberdade artística e que non atribúen feitos verosímiles nin gravemente lesivos para os dereitos da personalidade.

O Pleno da Sala Civil do Tribunal Supremo vén de desestimar a demanda de Laureano Oubiña, condenado por narcotráfico e que aparecía na serie Fariña interpretado por un actor semellante e co seu nome real. O tribunal conclúe que a produción televisiva non vulnerou a súa honra, nin a súa intimidade nin o seu dereito á propia imaxe, e dá a razón de forma íntegra á produtora (Bambú), á canle (Atresmedia) e á plataforma de streaming (Netfilx) que emitiron a ficción.

A resolución —sentenza 1761/2025, de 2 de decembro— revoga a previa da Audiencia Provincial, que declarara ilícita unha escena de contido sexual e apreciara intromisión na intimidade do demandante. O Supremo, pola contra, considera que a representación non supera os límites da liberdade artística e que non existe afectación grave dos seus dereitos da personalidade.

O alto tribunal subliña que o demandante é "un personaxe público" ao ter sido condenado a longas penas de prisión pola súa participación en redes organizadas de narcotráfico, un asunto de evidente relevancia pública. Por iso, a aparición dun personaxe co seu nome e apelidos nunha serie inspirada en feitos reais "non constitúe unha intromisión ilexítima na súa honra", mesmo se en determinadas escenas se suxire relación con tráfico de cocaína.

O Supremo lembra que, ao tratarse dunha obra de ficción e non dunha información xornalística, non é exixíbel unha veracidade estrita: "A recreación dramatizada non menoscaba de forma relevante a reputación de alguén xa condenado por feitos gravísimos relacionados co narcotráfico", razoa.

A "ficcionalización" da intimidade: recreación, non revelación

Un dos elementos centrais do recurso era a suposta vulneración da intimidade pola presenza dunha escena sexual. A Sala fixa doutrina ao analizar o que denomina "ficcionalización da intimidade": cando unha obra recrea aspectos privados dunha persoa identificábel, debe ponderarse se a representación é verosímil, grave e allea á liberdade creativa.

No caso concreto, o tribunal conclúe que as escenas íntimas son breves e pouco explícitas, forman parte do relato sen elevarse a elementos definitorios do personaxe, os actores permanecen vestidos e só se amosa a parte superior dos seus corpos, e non se presentan como feitos reais da vida sexual do demandante.

Para o espectador medio, engade a sentenza, resulta claro que se trata dunha dramatización feita con fins narrativos, non dunha revelación auténtica da súa vida privada. Por tanto, "a eventual afectación á intimidade carece da gravidade necesaria para prevalecer sobre a liberdade de creación artística".