O Tribunal Europeo examinará se o Estado español vulnerou o dereito das vítimas do Alvia a un proceso equitativo

Familiares das vítimas de Angrois demandan unh investigación independente ante o Tribunal Supremo en 2023. (Foto: Matias Chiofalo / Europa Press)
Estudará "tan axiña como sexa posíbel" a demanda da plataforma, que segue reclamando unha investigación independente

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos someterá a exame "tan axiña como sexa posíbel" a demanda coa que a plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois, Santiago de Compostela, en xuño de 2013, segue reclamando que o Estado español faga unha investigación independente sobre o sinistro ferroviario.

No plano xudicial, após unha instrución que durou anos e un macroproceso, a sentenza condenou tanto o maquinista do tren como o ex director de seguridade da empresa pública Adif, ambos os dous por unha imprudencia profesional grave.

No relativo á comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF), esta realizou no seu día un informe que determina que unicamente houbo responsabilidade por parte do maquinista, debido ao exceso de velocidade, aínda que fixo unha serie de recomendacións para incrementar as medidas de seguridade na rede ferroviaria.

Por iso, para exixir unha nova investigación e "independente", a plataforma interpuxo unha demanda polo contencioso, que é a que agora chega a Europa. Nun escrito do pasado 5 de febreiro, a secretaría do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos informa á asociación de vítimas que "o caso será sometido a exame tan axiña como sexa posíbel" e que "no momento oportuno" informará "as decisións adoptadas".

O tribunal tamén apunta que ten a intención de "axilizar ao máximo o proceso de exame das demandas" e que poderá solicitar información ao longo do procedemento. Un tribunal que, segundo subliñan as vítimas nun comunicado de prensa no que informan desta noticia, "admite menos de 5% das demandas presentadas", segundo datos que cita do Consello Xeral da Avogacía Española.

A denuncia, en concreto, foi interposta en xullo de 2021 ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, fronte ao Goberno e ao comité que investigou a traxedia. "Solicitabamos que levase a cabo unha nova investigación independente que cumprise cos requisitos legalmente estabelecidos: o trámite de audiencia ás vítimas e que atendese as graves deficiencias sinaladas pola Comisión Europea, nun informe da Axencia Ferroviaria Europea", lembra a plataforma.

"Vergonzante"

Esgotadas todas as vías que o dereito interno español ofrece –Tribunal Supremo e Tribunal Constitucional–, a plataforma, da man de Administrativando Avogados, acudiu ao Tribunal Europeo, "que admitiu a demanda e deberá pronunciarse sobre a vulneración do dereito a un proceso equitativo e verificar se o Estado español respectou e tutelou os dereitos das vítimas e os seus familiares".

"Di moi pouco das nosas institucións e dos nosos gobernantes que aínda non se realizase a investigación independente que solicitou a UE reiteradamente. Máis de 11 anos, catro gobernos e cinco ministros de Fomento e aínda non hai unha investigación técnica independente como reclama a UE", censura.

Ademais, considera que "é canto menos vergonzante que o actual ministro Óscar Ponte non dá a cara e se negue" a recibilos. "Un ministro que despreza os usuarios do ferrocarril e á súa seguridade, e que como alcalde de Valladolid aprobou en 2016 unha moción para instar o goberno a constituír unha comisión de investigación composta por expertos e técnicos independentes", incide. Niso ve "un acto máis de hipocrisía".

"Facendo historia"

Para o avogado da asociación, Antonio Benítez Ostos, director de Administrativando Avogados, "é un éxito absoluto que Europa decida revisar a actuación levada a cabo pola xurisdición española no que foi o accidente ferroviario máis grave da democracia".

"Esperamos obter unha resolución favorábel que ordene ao Estado español a realizar unha nova investigación independente", destaca. "Dada a complexidade do asunto e a inexistencia de precedentes, que polo menos eu coñeza, considero que as vítimas do Alvia están a facer historia nesta loita xudicial", subliña.

Para a plataforma, o "obxectivo" de non levar a cabo esta investigación "é claro: evitar calquera tipo de responsabilidade política e contaminar á opinión pública para ocultar a verdade, as neglixencias e os incumprimentos normativos de seguridade".