O Tribunal europeu de DD HH di que a liberdade de expresión ampara queimar fotos de El-Rei

Un momento da acción de protesta que está na orixe desta sentenza xudicial de Estrasburgo [Foto: NacioDigital]

Sentenza da xustiza europea contra o Estado español, quen ve seriamente cuestionada a súa política de restricións das liberdades públicas. Non hai nada ilegal en queimar fotos dos Borbóns. Ampárao a liberdade de expresión. O Estado deberá restituír a dous mozos cataláns ás multas que lle foron impostas cando foron condenados por un delito de inxurias á Coroa en 2007.

A resolución do Tribunal Europeu de Dereitos Humanos non deixa lugar a dúbidas: o Estado español violou o dereito á liberdade de expresión, ao conculcar o artigo 10 do Convenio de Protección dos Dereitos Humanos e de Liberdades Fundamentais, norma europea que regula a liberdade de expresión e en virtude da cal este dereito comprende "a liberdade de receber ou comunicar informacións ou ideas, sen que poda haber inxerencia das autoridades públicas".

 

Non chega en calquera momento este mocazo da xustiza europea ás prácticas represivas do Estado español. Vixente aínda a Lei Mordaza, a escalada de ataques ás liberdades cívicas ten resultado recentemente en condenas a prisión a rapeiros -Pablo Hasel e Valtonyc- ou no secuestro do libro de Nacho Carretero Fariña.

 

Os feitos que dan a orixe a esta sentenza remóntanse a unhas accións de protesta realizadas en Girona en 2007 e que resultaron na queima dun retrato dos monarcas Juan Carlos I e Sofía de Grecia. Dous mozos -Enric Stern i Jaume Roura- foron xulgados por ese acto e condenados por un delito de inxurias á Coroa. Inicialmente impúxoselles unha pena de 15 meses, mais ao cabo o xuíz substituína por unha multa de 2.700 euros per cápita. Estrasburgo dálles agora a razón e condena o Estado español a restituírlles ese diñeiro e a asumir os custos das súas defensas (por volta de 9.000 euros).

 

O TEDH considera que non houbo incitación ao odio no acto de protesta e si unha "inxerencia inxustificada" por parte das autoridades públicas no libre desenvolvimento do seu dereito á liberdade de expresión.