En Marea relaciónaas coa corrupción

O Tribunal de Contratos intervén nas adxudicacións do Sergas

Sergas

O Tribunal administrativo de Contratación Pública de Galiza vén de intervir en varias adxudicacións do Sergas de terapias respiratorias e radioloxía. “Son totalmente irregulares”, afirmou a deputada de En Marea Eva Solla, que denunciara publicamente os feitos.
 

Das irregularidades que agora investiga o tribunal xa avisara o Consello de Contas en 2012. Mais unha nova licitación, de novo de terapias respiratorias, disparou as alarmas en En Marea, que rexistrou varias iniciativas ao respecto para esixir “información sobre o cumprimento da legalidade vixente”.

 

Ademais, o partido instrumental tamén quixo saber “por que estes servizos non están a dar desde o sistema público”. A Xunta alegou daquela “estar a cumprir a lei de contratación”. Agora o Tribunal de Contratos négao e fala de irregularidades.

 

En Marea esixe que estes servizos sanitarios se ofrezan con medios públicos, “xa que existe abondo capacidade”. Presentou unha proposición non de lei ao respecto. A maiores, solicita a comparecencia urxente no Parlamento do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

 

“Trataremos por todos os medios que o Goberno galego dea explicacións polas graves actuacións que se están a dar na sanidade pública do noso país”, engade Eva Solla, “e por este tipo de contratacións irregulares, que moito teñen a ver coa corrupción”.