O Tribunal Constitucional suspende o artigo que recolle a vacinación obrigatoria da Lei de saúde galega

O Tribunal Constitucional nunha imaxe de arquivo. (Foto: Zarateman / Creative Commons)
Deixa en suspenso a vixencia dos artigos recorridos polo Goberno estatal. Esta resolución coñécese pouco despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciase que confiaba en chegar a unha "solución extraxudicial".

O Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso de inconstitucionalidade a petición do Goberno contra a Lei de Saúde de Galiza. Ademais, mentres resolve sobre o fondo, deixa en suspenso a vixencia dos artigos recorridos, onde se inclúen, entre outros aspectos, a vacinación obrigatoria da poboación, segundo informaron fontes do Tribunal Constitucional a Europa Press.

Así, o Constitucional decidiu finalmente tramitar este recurso que o Goberno español presentou o pasado 30 de marzo ao entender que certos puntos desta norma eran estatais e despois de escoitar ao Consello de Estado, que foi quen avalou o recurso para o apartado cinco da reforma estabelecida polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo.

A nova transcende nun contexto no que a Xunta e o Goberno español estaban a manter reunións para tratar de alcanzar un acordo até o punto de que acordaron iniciar os trámites para convocar a comisión bilateral de cooperación, sen que na reunión desta segunda feira houbese unha aproximación das posturas.

De dar resultado estas negociacións, o Executivo do Estado español podería paralizar a decisión ante o Tribunal Constitucional. De feito, o propio Feixoo indicaba antes de coñecer o fallo que confiaba en chegar a unha "solución extraxudicial" a través do diálogo.

O representante da Xunta comentara que agardaba que "nos seguintes días", no marco da comisión bilateral entre ambas as administracións, o Executivo de Pedro Sánchez concretase "o contido e alcance desa acusación para respondela" e, "se é posible", que "retire o recurso".

Antecedentes

A equipa de Sánchez presentara o recurso que deu lugar a este fallo despois do informe do Consello de Estado no que avalaba a presentación contra o apartado cinco da reforma da lei de saúde, a que se definen actuacións concretas como a obrigación de vacinación. Malia esta consideración, o órgano consultivo suxeriu ao Estado que sería de interese elaborar unha lei orgánica que atenda as necesidades da xestión da pandemia da Covid-19.

A idea inicial era recorrer tres aspectos: as medidas preventivas (é dicir, as cuestións para regular), a adopción das medidas preventivas ('o modus operandi' para executar as medidas, recollido no apartado cinco da reforma da lei, é dicir, o novo artigo 38) e o réxime de sancións (en varios artigos e, especialmente, no referido ás multas por incumprimentos das medidas que o Goberno central cuestiona).

O Estado español tamén tiña a pretensión de deixar en suspenso as sancións incluídas na lei galega referidas aos preceptos que pediu suspender por entender que a regulación afectaba a dereitos fundamentais dos cidadáns.