Grazas á reforma do PP

O Tribunal Constitucional rexeita o recurso de amparo da familia de José Couso

José Couso

Os recursos de amparo interpostos pola familia do cámara asasinado José Couso foron rexeitados polo Tribunal Constitucional. Estes recursos ían contra as resolucións da Audiencia Nacional e o Supremo nas que estes se postularon a favor do arquivo da investigación da morte de Couso de acordo coa limitación da xurisdición universal en coherencia coa reforma realizada polo PP en 2014.

Unha sentenza ditada polo Tribunal Constitucional desestima os escritos apresentados pola familia do cámara José Couso e pola Asociación Libre de Avogados contra das resolucións emitidas pola Audiencia Nacional nas que se acordou arquivar a investigación do seu asasinato en base ao que marca a limitación da xurisdición universal após a reforma levada a cabo polo goberno do Partido Popular no ano 2014. Precisamente, os escritos apresentandos pola familia e a ALV alegaban a inconstitucionalidade da reforma lexislativa impulsada polo PP así como a vulneración da Convención de Xenebra.

A sentenza do Tribunal Constitucional sinala que as resolucións da Audiencia Nacional e posteriormente do Tribunal Supremo, ambas na mesma liña, non vulneron o dereito á tutela xudicial efectiva, nin o dereito a un proceso con todas as garantías nin o principio de igualdade.

Coa reforma da lei que realizou o PP esíxese que o procedemento "se dirixa contra un español ou contra un cidadán estranxeiro que resida habitualmente en España ou contra un estranxeiro que se atopase en España e cuxa extradición fose denegada polas autoridades españolas".

Coa reforma da lei que realizou o PP esíxese que o procedemento "se dirixa contra un español ou contra un cidadán estranxeiro que resida habitualmente en España"

Nese sentido, a sentenza do Tribunal Constitucional baséase para dar a razón á Audiencia Nacional e ao Supremo en que os militares iaquis non residen habitualmente no estado Español nin se atopan ocasionalmente en territorio español.

José Couso foi asasinado o 8 de abril de 2003 cando se atopaba no hotel Palestine de Bagdad, xunto outras e outros profesionais da prensa internacional que cubrían a invasión do Iraque.

Couso converteuse nun símbolo pola liberdade de prensa e contra a mordaza informativa. Precisamente o premio José Couso honra a memoria deste cámara ferrolán. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza e o Club de Prensa de Ferrol crearon este premio para recoñecer a persoas ou organizacións que traballan pola liberdade e contra a manipulación informativa, así como para lembrar na figura de José Couso todas aquelas persoas profesionais do xornalismo que cada ano son asasinadas, maltratadas ou privadas dos seus dereitos como persoas e como informadoras.