Xustiza

José Eirín, condenado a 22 anos de prisión polo asasinato de Jessica Méndez en Barro

O acusado de matar co seu coche en marzo de 2022 a Jessica Méndez, José Eirín, durante o xuízo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
O tribunal, que se manifestou na mesma liña que o xurado popular, tivo en conta a circunstancia agravante de cometer o delito por razóns de xénero.

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, de acordo co veredicto de culpabilidade emitido polo Tribunal do Xurado, vén de condenar a 22 anos de cárcere a José Eirín polo asasinato de Jessica Méndez, ocorrido en Barro (comarca de Pontevedra) en marzo de 2022, cando o procesado impactou co seu vehículo contra o da moza.

Á hora de ditar a pena, o tribunal tivo en conta a circunstancia agravante de cometer o delito por razóns de xénero. Ademais, impúxolle a prohibición de aproximarse a menos de 500 metros dos familiares e da que era parella sentimental da vítima, así como do seu domicilio, lugar de traballo ou calquera outro no que se atopen, e de comunicarse con eles por calquera medio, de forma directa ou indirecta, durante 32 anos.

O Tribunal do Xurado considerou probado que sobre as 9.25 horas do 17 de marzo de 2022, na estrada N-550, á altura de Barro, o acusado, "co propósito de acabar coa vida da vítima", dirixiu "intencionadamente" o vehículo que conducía contra o dela, que se atopaba detido, agardando para incorporarse á N-550 desde unha estrada secundaria.