Mobilidade

Os trens Avril empezarán a operar na Galiza en marzo após numerosos atrasos desde 2021

José Ramón Gómez Besteiro, Óscar Puente e Abel Caballero, hoxe, na estación de tren de Vigo-Urzaiz. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
O ministro Óscar Puente asegura que era o seu principal desexo "na carta aos Reis Magos".

Os trens Avril que comunicarán Galiza con Madrid por Alta Velocidade comezarán a operar no país en marzo deste 2024, "se todo vai sobre o previsto", segundo anunciou o ministro Óscar Puente esta sexta feira. Isto permitirá que as cidades galegas gañen até nove frecuencias e que se incrementen tamén as prazas en oferta —unhas 200 máis por vehículo—.

Así o notificou o responsábel do departamento de Transportes e Mobilidade Sustentábel á súa chegada á estación de Vialia-Urzaiz de Vigo, nunha viaxe de probas do tren Avril (serie 106) no que estivo acompañado polos Reis Magos e mais polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro. Precisamente, o ministro explicou que a idea de "atender a petición" dos Magos de Oriente, de viaxar en AVE a Vigo, xurdiu após as declaracións que fixo, ao pouco de ser nomeado, sobre escribir unha carta aos Reis para pedir ese servizo, unhas palabras que "alguén terxiversou", afirmou.

Segundo explicou, os billetes para as viaxes nestes trens comezarán a venderse o próximo 1 de marzo e, "se todo vai sobre o previsto", ese mesmo mes comezará a operativa comercial na Galiza e Asturias, tamén con trens Avlo. Así mesmo, recalcou que a posta en funcionamento do novo material permitirá pasar de 4,5 millóns a 11 millóns de prazas, acurtar tempos de viaxe e gañar frecuencias, de maneira que Santiago pasará de 4 a 8; Ourense, de 10 a 12; A Coruña, de 3 a 5, e Vigo, de 4 a 5 frecuencias.

O anuncio de que definitivamente chegarán estes ferrocarrís de alta velocidade en maio, porén, após innumerábeis atrasos. A primeira data prevista era xaneiro de 2021, hai xa tres anos, e logo prolongouse sucesivamente pasando por mediados de 2022, finais de 2023 e agora, de cumprírense os últimos prognósticos do ministro Puente, en marzo deste mesmo ano.

Tempos de viaxe

Con respecto aos tempos de viaxe, Óscar Puente lembrou que en 2018 a viaxe entre Madrid e Ourense era de 4 horas e 20 minutos, mentres que a día de hoxe faise en 2 horas e 10 minutos. O traxecto entre Madrid e Pontevedra era de 6 horas e 40 minutos, e co novo sistema é de 3 horas e 20 minutos, mentres que a viaxe entre Madrid e Vigo que el mesmo realizou hoxe foi de 3 horas e 35 minutos.

Ademais, o ministro recalcou que a posta en marcha dos Avril beneficiará outras rexións, xa que permitirá liberar unidades para que presten servizo, por exemplo, en Salamanca, onde se poden "aforrar" a manifestación prevista para pedir máis trens rápidos con Madrid, en Estremadura ou Teruel. Renfe recibirá de Talgo 20 trens, dos que 15 son de rodadura desprazábel, o que permite as operacións en Asturias e Galiza.

Conexións desde Vigo e con Portugal

Preguntado pola chegada do AVE directo a Vigo por Cerdedo —que evitaría o paso por Santiago—, o titular de Transportes lembrou que o trazado desa variante atópase en estudo, e que o informe hidroxeolóxico será incorporado proximamente ao estudo informativo. Tras evitar avanzar prazos concretos, Óscar Puente indicou que cando estea listo o estudo informativo abordarase o seguinte paso, que será o proxecto e, só despois, poderase falar "de obras".

En canto ás conexións con Portugal polo Eixo Atlántico, Puente limitouse a incidir na importancia das comunicacións entre o Estado español os seus países veciños, e sinalou que hai programados encontros bilaterais con Francia e Portugal para abordar esa cuestión. O ministro, que reivindicou o "esforzo" do Goberno estatal nos últimos anos para "estirar" a frota de trens todo o posíbel e incorporar novas unidades, tamén se referiu aos trens de proximidade para Galiza, en resposta aos medios, para afirmar que o Ministerio está "a estudar" esa implantación nas cidades galegas —medida que figura no acordo de investidura entre PSOE e BNG—.