Os trens de alta velocidade volven circular na Galiza após sete días de corte polos incendios

Tren Avlo este 20 de agosto da estación intermodal de Compostela. (Foto: Arxina)

Adif autorizou a circulación de trens nas vías galegas a partir das 17 horas desta cuarta feira.

A liña de trens de alta velocidade Galiza e Madrid, cortada desde hai sete días, volverá estar operativa ás 17 horas desta cuarta feira, tras a evolución dos incendios tanto no territorio galego como en Castela e León.

Así o confirmou en 'X' o presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, que anunciou que a compañía diporá, ademais, de trens especiais adicionais para prestar servizo a todos os que se viron afectados polos cortes dos últimos días.

Adif, a empresa pública que xestiona a rede ferroviaria, xa trasladou que a última comprobación da infraestrutura certificou que a vía xa permite a circulación de trens.

O Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi) de Zamora xa autorizara a circulación a Adif na mañá desta cuarta feira, e só quedaba por coñecerse a autorización por parte do Cecopi da Galiza.

Adif xa ten autorización para dar tensión nos 30 quilómetros que estaban 'apagados' por orde de protección civil. O resto de cortes de circulación nas liñas convencionais e de ancho métrico de León tamén contan co visto e prace para comezar a circulación en canto terminen as revisións da infraestrutura.