O tren sinistrado no Porriño circulaba a 118 quilómetros /hora nunha vía limitada a 30

Imaxe: C.L.

A caixa negra do comboio foi aberta esta terza feira no xulgado nº2 da localidade.

A caixa negra do tren que a pasada sexta feira descarrilou no Porrriño, causando a morte de catro persoas, desvelou que o comboio circulaba con exceso de velocidade no momento do sinistro: 118 quilómetros hora. O exceso de velocidade foi confirmado por un dos peritos xudiciais designados pola Xunta, Juan Carlos Carballeira, que asistiu esta terza feira no Xulgado do Porriño á apertura da caixa negra do tren. No acto tamén estiveron presentes representantes de Renfe, Adif e Comboios de Portugal. Segundo os datos da caixa negra, o maquinista confirmou presionando un botón a recepción de dous avisos para reducir a velocidade no tramo onde tivo lugar o accidente.

Estes trens circulan habitualmente a 120 quilómetros ao seu paso por esta localidade mais a pasada sexta feira estaban a se realizar tarefas de mantemento na vía principal que obrigaron ao tren a se desviar a unha vía secundaria, onde debería ter reducido a velocidade até os 30 quilómetros por hora. A caixa do tren ten rexistradas as velocidades do convoi, as distancias e os sinais. Non rexistra, en cambio, sons nin conversas en cabina; só as comunicacións co posto de mando de Ourense