Mobilidade

O tren galego, unha rede ferroviaria de hai 150 anos

Locomotora 'Sar', alcumada popularmente como 'A Sarita', inaugurada en 1873. (Foto: Nós Diario)
O mapa ferroviario da Galiza conformouse no século XX.

O 15 de setembro de 1873, hai esta sexta feira 150 anos, entrou en servizo a primeira liña ferroviaria que se construíu e operou na Galiza. Cunha lonxitude de 42 quilómetros e 25 anos máis nova que a posta en funcionamento da primeira liña da península Ibérica –a que conectaba Barcelona e Mataró, en 1848–, o primeiro 'camiño de ferro' galego unía a estación de Cornes, no termo municipal de Conxo (na actualidade integrado no Concello de Compostela), e a estación de Carril, no daquela termo municipal de Santiago de Carril (hoxe Vilagarcía de Arousa, na comarca do Salnés).

Foi un fito moi celebrado, especialmente porque conectaba a capital do país coa costa, de feito, as primeiras viaxes foron aproveitadas pola veciñanza de Compostela para ir á praia e ao santuario da Escravitude, en Padrón (comarca do Sar). Pero tamén porque supuña rematar co transporte de mercadorías mediante carruaxes, que tardaban cinco horas en facer ese mesmo traxecto. 

Das catro locomotoras que se puxeron en marcha aquel 15 de setembro, a que logrou máis sona foi a Sar, nome asignado na honra do río que atravesa a capital, rebautizada popularmente como A Sarita. Fabricada no norte de Inglaterra e en activo até 1935, esta máquina atópase actualmente na casa-museo que a Fundación Camilo José Cela ten en Padrón, un dos museos do ferrocarril máis importantes da Galiza.

Unha rede en crecemento

Dous anos despois da saída do Compostelano da estación de Cornes, o 10 de outubro de 1875, entraba en funcionamento a liña entre A Coruña e Lugo. Non foi até 1881 que puideron saír trens da estación de Urzáiz de Vigo cara a Ourense e en setembro de 1883 os trens da Galiza chegaban xa até Palencia, con paradas en Lugo e Monforte. En 1884 entrou en funcionamento a liña entre Vigo e Pontevedra.

Finalmente, o 14 de abril de 1943 chegou a apertura da liña A Coruña-Compostela, o que supuxo tamén a clausura da histórica estación de Cornes.

Unha modernización viaria que tamén tarda en chegar

Mapa ferroviario da Galiza en 1943. (Foto: Nós Diario)

O  progreso que prometía chegar á Galiza coa inauguración da liña Cornes-Carril tardou 25 anos máis que no Estado español, e a conformación final do mapa ferroviario galego non se completaría até 1943, é dicir, 70 anos máis tarde. Un mapa que coincide practicamente en estrutura co deseño actual, a pesar da denuncia de que este último, segundo reiteran plataformas de persoas usuarias como Perder o Tren ou Media Distancia, presenta "numerosas carencias" en infraestruturas e nas frecuencias diarias entre cidades e vilas.

Alén diso, aínda non existe a liña que conecte Lugo coa capital galega. Todo apunta a que, igual que aconteceu coa chegada da primeira liña, "a modernización e mellora a rede e dos servizos ferroviarios, como instrumento fundamental de vertebración territorial" que piden as usuarias tamén tardará en chegar.