Treme a terra na Galiza: sabes cales foron os terremotos máis importantes da nosa historia?

En Triacastela tivo lugar en 1997 o terremoto máis importante desde que hai rexistros (Foto: Nós Diario).
Vilar de Barrio une o seu nome ao doutras localidades galegas nas que se rexistraron sismos de relevancia, como Triacastela, Baralla ou Pontevedra.

O recente sismo de Vilar de Barrio, de 3'4 graos de magnitude na escala de Richter e que se deixou sentir en numerosos puntos da xeografía galega, e só o último dunha longa lista de tremores de terra que, afortunadamente, nesta ocasión non causou danos persoais nin materiais. 

Triacastela, 21 de maio de 1997

O terremoto máis potente rexistrado até o de agora na Galiza tivo lugar ao fío da medianoite do 21 de maio, producíndose de modo practicamente consecutivo un sismo de 4,1 graos e outro posterior de 5,1, rexistrándose danos materiais en numeroso inmobles e réplicas importantes nos días posteriores. Lamentabelmente, unha persoa perdeu a vida a causa dun infarto.

Baralla, 22 de maio de 1997

Tan só un día despois do terremoto de Triacastela, Baralla rexistrou unha réplica en forma de sismo de case idéntica magnitude, 4,9 graos na escala de Richter. 

Sarria, 15 de febreiro de 1979

Afortunadamente, os terremotos na Galiza non adoitan pasar de breves tremores, como é o caso do acontecido en Sarria en febreiro de 1979. Con 4,8 graos, as súas consecuencias non pasaron duns danos materiais de carácter leve, ademais da lóxica alarma entre a poboación durante os catro segundos que se estendeu. 

Pontedeume, 20 de xuño de 1936

A pouco menos dun mes do comezo da guerra civil española, en Pontedeume tivo lugar o único sismo de relevancia na década dos 30 en todo o país. 

Pontevedra, 26 de novembro de 1920

As crónicas da época reflicten que a terra tremeu durante tres ou catro segundos, causando tanto pánico entre a poboación que catro alumnas da Escola Normal de Maestras abandonaron o edificio saltando desde o primeiro andar, por sorte sen consecuencias graves.