Treme a terra no Condado e A Paradanta

Mosteiro de Santa María da Franqueira, na Cañiza. (Foto: Nós Diario).
Ambas as comarcas rexistraron ao longo de toda esta semana unha intensa actividade sísmica.

As comarcas do Condado e A Paradanta rexistraron ao longo de toda esta semana unha intensa actividade sísmica, con máis de 30 terremotos, ao que se sumou onte outro sismo, esta vez en Mondariz, de magnitude 3,4.

Segundo os datos achegados polo Instituto Xeográfico Nacional, o terremoto tivo lugar arredor das 3 horas da mañá, e produciuse a unha profundidade de 23 quilómetros.

O de Mondariz é un máis dos máis de 30 que se rexistraron ao longo de toda a semana nas zonas do Condado e A Paradanta. Onte mesmo no municipio de Covelo rexistráronse outros dous movementos sísmicos, ás 21,25 horas e ás 17 horas, de magnitude de 2.1 e 2.6 respectivamente.

Tamén na localidade da Cañiza sentiuse este sábado un sismo de 2,0 de magnitude, pasadas as 14 horas.

No caso do municipio de Covelo, tamén antonte, sexta feira, detectáronse movementos sísmicos: un ás 3,30 da mañá cunha magnitude de 2,0; e outro ás 14,27 horas, este de 1,7 na escala Richter.

Con anterioridade, na quinta feira, a mesma localidade pontevedresa notificou outros dous sismos, ambos de 2,2 de magnitude, arredor das 10,10 horas e ás 23,32 horas. Ese mesmo día o municipio de Arbo sentiu outro terremoto, nesta ocasión de 2,7 de magnitude e concretamente ás 12,10 horas.

Na terza feira tamén Covelo rexistrou pequenos terremotos, oito en total, con intensidades entre 1,6 e 2,7 na escala Richter, mentres que na madrugada da segunda tamén tiveron lugar movementos sísmicos, nunha xornada na que tamén se notou outro terremoto no municipio de Melón, dunha magnitude de 2,7 na escala de Richter.