Trece colectivos denuncian “agresións” a un dos espazos de maior valor ambiental da Serra da Groba

Produciuse na conca alta do río Mougás, poboada por 5 hábitats de interese comunitario e com especies incluídas no 'Catálogo galego de especies ameazada'.

Trece colectivos e entidades ambientalistas denuncian as “agresións” que vén de producirse na Serra da Groba, en concreto, din, “nun dos espazos de maior valor ecolóxico da serra da Groba: a braña do Campo do Costado, situada no nacemento do río de Mougás”. As obras, contratadas pola Comunidade de Montes de Mougás e financiadas con Fondos Europeos Feader, consistiron no “peche perimetral, desbroce sistemático, subsolado e plantación dunha superficie aproximada de 30 hectáreas” nunha zona que está poboada por 5 hábitats de interese comunitario, e dous deles coa consideración de “hábitats prioritarios” na lexislación europea. Ademais, apontan a que entre as especies afectadas figura o narciso coñecido como “mallo” (Narcissus cyclamineus), que está incluído no 'Catálogo galego de especies ameazadas'. No lugar habitan ademais diversas especies animais pouco frecuentes na costa sur galega, como son a lebre (Lepus granatensis) e o miñato abelleiro (Pernis apivorus).

Nun comunicado público, estas entidades esixen a restitución do espazo natural “ás súas condicións anteriores”, así como que a administración analice a “posíbel vulneración da normativa ambiental” no referido á lexislación de augas e de protección de hábitats prioritarios e de especies catalogadas.

Subscreben a denuncia: Colectivo Matogueira, Fontaíña, Verdegaia, Morcegos de Galicia, Amigos da Terra, Adega, Salvemos Monteferro, SOS Groba, A Ría Non Se Vende, Asociación Gallega para la Conservación de la Biodiversidad, A Terra Non Se Vende, Equo e o Clube Espeleolóxico Maúxo