''O trazado do comboio na Galiza fíxose copiando criterios mesetarios e obviando a nosa estrutura territorial''

[A. Sotillo le o manifesto da Plataforma]

Con Amancio Sotillo, da Plataforma en defensa do tren, analizamos a problemática que o accidente de Angrois destapou en relación á rede ferroviaria galega


Quen isto escribe é do Carballiño e traballa en Compostela. Se quixer viaxar en comboio para visitar a súa familia non podería facer a viaxe de ida e volta no mesmo día nin regresar ao día seguinte en horario de mañá.

Unha simple revisión do taboleiro de horarios de Renfe permite constatar que a capital do País e unha das súas vilas máis poboadas só están unidas por un tren que sae ás 17.25h (chega ás 19.11h) e outro, de volta, que sae ás 13.30h (chega ás 15.15h). Falamos da liña de tren convencional, os rexionais. O Avant pasa polo medio e medio do monte comunal da aldea de quen escribe, mais non ten parada até chegar a Ourense.

Porén, de vivir a súa familia en Madrid, si que podería visitala. E pasar sete horas con el@s. E estar de volta para traballar ao día seguinte. Un Alvia pasa por Compostela ás 9.05h e chega ás 14.50h á cidade española, de onde parte ás 22.30h o último comboio cara á Galiza. De vivir a familia en Lugo non podería visitala porque ningunha liña de tren une de maneira directa as dúas cidades.

"Desde A Coruña tardas 3h en chegar a Madrid e 2h e 15' en ir até Ferrol, que está ao lado. A Lugo é imposíbel ir e vir no mesmo día"

Que pasa cos nosos trens, Amancio?

Pois o que pasa é que o trazado do ferrocarril na Galiza se fixo obviando un tema tan importante como é a estrutura territorial deste País e cuestións fulcrais como a dispersión da poboación.

Fíxose aplicando criterios mesetarios, copiando un modelo que nos é alleo e que non ten en conta as nosas necesidades reais. As consecuencias? Acabas de as describir. E dígoche máis: desde A Coruña tardas 3h en chegar a Madrid e 2h e 15' en ir até Ferrol, que está ao lado. A Lugo é imposíbel ir e vir no mesmo día.

Coa imaxe do comboio descarrilado en Angrois aínda na retina, que supón a 'marca España' para a rede ferroviaria galega?

O primeiro que quixera facer é transladar a nosa solidariedade e todo o noso apoio ás vítimas do sinistro. Dito isto, reclamamos unha investigación seria e independente que esclareza o que alí aconteceu. A Plataforma constituíuse hai un mes para denunciar a desfeita que se está a facer coa nosa rede ferroviaria, desenmascarando dunha vez por todas que na Galiza non vai haber AVE.

A remodelación das liñas ferroviarias é un lavado de cara sen sentido porque non se aposta por un tren público e social para artellar o País. Rexeitamos estes investimentos tan grandes para presumir de que temos AVE a cambio de desmantelar todo o demais.

Mais, cómpre o AVE na Galiza?

Estamos completamente en contra do AVE. Foi ese un dos motivos polos que nos constituímos como colectivo, para rexeitar investimentos nas liñas da alta velocidade e que non se poña en valor o tren convencional como servizo público. O AVE foi un caramelo que nos venderon e, como moito, farán operativa a liña Ourense-Madrid.

"A remodelación das liñas ferroviarias é un lavado de cara sen sentido porque non se aposta por un tren público e social para artellar o País"

Deixáronse esmorecer as pequenas estacións para xustificar agora a súa eliminación?

Exactamente. Esta é unha estratexia que vén de vello. Non se pode dicir que se pechan estacións e se suprimen paradas porque non hai necesidade, porque non hai usuarios.

A liña A Coruña-Ferrol non é que estea infravalorada senón que é inutilizábel, nunha área de 600mil habitantes. Pola rúa Alfonso Molina circulan ao día 145mil vehículos privados. Os comboios non se usan porque non cubren as necesidades de mobilidade que ten a poboación galega.

Como podemos non usar unha liña que pasa polas facultades da Coruña, polo campus de Elviña, mais que non paran os trens cando veñen despois cinco ou seis autobuses desde Ferrol? Unha campaña da asociación de veciños do Burgo colocando simplemente os horarios na estación conseguíu un incremento do 12% no número de usuarios. Porén, a estratexia é privatizar o servizo.

"A Xunta debería pular en serio pola creación dunha rede de trens propia, galega. Porén, tamén é urxente manter o actual servizo ferroviario en mans dunha empresa pública"

Solucionaría algo que a Galiza tivese transferidas as competenzas en materia ferroviaria?

Solucionaría moito. E máis aínda cando sabemos que somos dos poucos territorios do Estado que non contamos cun servizo de cercanías. Eses trens poderían ser competenza do goberno galego e zonas tan densamente poboadas como A Coruña, Ourense, Compostela, Vigo, Lugo ou Monforte ficarían conectadas.

A Xunta debería pular en serio pola creación dunha rede de trens propia, pública e galega. Porén, tamén é urxente manter o actual servizo ferroviario en mans dunha empresa pública.

Estamos a asistir a un reparto descarado do pastel a ver quen tira a tallada meirande de algo que é de todos e por parte de empresas que só van mirar a súa conta de resultados. Galiza debe asumir que o tren convencional vertebraría o territorio e daría vida ao rural.