O traxecto Ourense-Santiago podería estar incluído nos abonos gratuítos de Renfe

Imaxe de arquivo dun tren de Renfe. (Foto: Europa Press)
Esta quinta feira entran en vigor na Galiza os abonos para os trens de Media Distancia e Avant.

A ministra de Políticas Territoriais e portavoz do Goberno español, Isabel Rodríguez, detallou esta cuarta feira que o Ministerio de Transportes está a traballar para incluír o traxecto Ourense-Santiago nos abonos gratuítos de Renfe.

As declaracións da ministra chegan menos de 24 horas antes de que os usuarios e usuarias que adquirisen este abono poidan facer uso del, xa que estará en vigor desde o 1 de setembro até o 31 de decembro deste ano.

Neste sentido, Rodríguez asegurou que, aínda que nun primeiro momento o Executivo estatal non tiña entre as súas previsións estender os descontos ao treito entre Ourense e Santiago, finalmente si se engadirá este traxecto.

A portavoz do Goberno español explicou que esta decisión foi tomada para evitar que "non haxa un agravio entre os viaxeiros e viaxeiras dunha mesma autonomía".

Abonos de Renfe

Desde que o pasado 24 de agosto se abrise o prazo para solicitar estes abonos de Renfe, milleiros de persoas xa os solicitaron, tanto para desprazarse de balde nos trens de Media Distancia como para contar cun desconto de 50% nos trens Avant.

Aínda que os abonos entran mañá en vigor, os usuarios e usuarias interesadas en adquirilos seguirán podendo facelo nos puntos de venta físicos habilitados por Renfe.

Para a compra do abono, será necesario depositar unha fianza. No caso dos trens de proximidade e Rodalies, a fianza para pagar á hora de adquirir o abono será de 10 euros, preferibelmente por medio de tarxeta bancaria, para que o reembolso poida ser devolto automaticamente a esa tarxeta, sempre e cando a persoa usuaria realizase un mínimo de 16 viaxes.

No caso da Media Distancia Convencional, a fianza será de 20 euros. Seleccionaranse as estacións de orixe e destino ás que se viaxará durante estes catro meses e posteriormente formalizarase cada viaxe que se desexe facer en calquera dos medios habituais, aínda que se recomenda o dixital.