Denís F. Cabrera, autor da capa do Sermos250

"Quixemos transmitir a idea de progreso, de tirar para adiante"

Denís F. Cabrera, o primeiro pola direita, co tamén deseñador Paulo Painceiras da Sacauntos Cooperativa Gráfica.

Falamos con Denís F. Cabrera, autor da capa do número 250 de Sermos Galiza, sobre o simbolismo que hai detrás deste deseño.

-En que te inspiraches para facer a capa do V Aniversario?

 

-A capa ten contido relacionado co V aniversario. Tratábase de transmitir un pouco a idea de progreso e de avanzar e de tirar para adiante. Dalgunha forma de medrar, de feito avaliáramos outras opcións, por exemplo unhas crianzas. Tratábase de transmitir un pouco a idea de progreso e de avanzar e de tirar para adiante, foi por esta razón pola que, despois de traballar en varias cousas, nos acabamos decantando por este deseño. As dornas avanzando cara ao horizonte porque, primeiro se podía abstraer moi ben, era un deseño bastante abstracto pero recoñecíbel, que é o que buscamos e tamén porque tiña ese vínculo mariñeiro co noso país, a conexión co mar, en boa medida a idea da exploración de avanzar, de cambios, de novos roteiros...

 

Tratábase de transmitir un pouco a idea de progreso e de avanzar e de tirar para adiante.


-As cinco dornas representan entón os cinco anos de Sermos?

 

-Si, era por meter aí un pouquiño o reforzo do número cinco.

 


-A capa está dividida en dous, por que esta estrutura? É a separación entre ceo e mar?

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

-Claro, é o horizonte. A capa ten unha estrutura formando unha imaxe que está composta seguindo a proporción áurea, coa distribución dos barcos e demais. E o corte entre o ceo e o mar é o corte do cadrado maior. Aí é onde se xuntan o ceo e o mar. Fixemos algunhas probas co ceo en branco para contrastar máis, pero deixamos o ceo deliberadamente en azul para facer un pouco ese xogo do espello. É unha metáfora visual moi clásica, a oposición entre o ceo e a terra ou entre o ceo e o mar.

 

A capa ten unha estrutura formando unha imaxe que está composta seguindo a proporción áurea, coa distribución dos barcos e demais.

 

O que está debaixo e podes tocar, no que te podes apoiar e o que está arriba. O ceo moitas veces asóciase aos ideais, ás cousas que queres alcanzar. As estrelas, as guías... No caso do noso país tamén está o camiño de Santiago que é unha guía. Ese paralelismo entre o ceo e o mar é un pouco estabelecer unha conexión entre os ideais, os obxectivos máis ou menos abstractos e ás veces, ao mellor, podes pensar incluso inalcanzábeis e a realidade que vives, claro, dalgunha forma reficte iso que queres alcanzar.

 

-Relacionado co tema das estrelas, das guías... na parte superior, nese ceo aparece unha estrela, simboliza entón o camiño a seguir?

 

-Si, si, claro, efectivamente. A estreliña dalgunha forma é o obxectivo. A estrela non se pode alcanzar. A estrela está moi lonxe e é algo... é mesmo unha ficción. Normalmente as estrelas que vemos, sabemos que están mortas, vemos a luz de algo que chegou e xa non está, pero son guías, son cousas que a xente de mar utilizaba antes para guiarse e para referenciarse. A estrela ten en todas as culturas, non é exclusivo da nosa, un poder forte simbólico: como guía, como referente, como algo que te leva a algún sitio e por tanto é unha metáfora automática do ideal, dos principios, as cousas polas que te guías, as referencias... Por iso, por exemplo, moitas bandeiras teñen estrelas. Na simboloxía da esquerda a estrela vermella é un referente: vermella porque é vermella e estrela porque é a guía. Neste caso metemos a estreliña como guía dos barcos e tamén para completar o ceo porque precisaba algo que non o fixese só un bloque azul. A estreliña reflicte no ceo un pouco o camiño dos barcos. Se queres a estrela é o ideal ao que aspiras e os barcos somos nós, a xente que está traballando en alcanzalo. Que nunca vas chegar, pero sempre te podes aproximar e ademais a algún sitio lévate, ese camiño de tentar aproximarte. Esa é un pouco a idea.

 

A estrela é o ideal ao que aspiras e os barcos somos nós, a xente que está traballando en alcanzalo.


-É casual que se trate dunha estrela de oito puntas?

 

-Non, non é estritamente casual aínda que, ben, é unha frikada (risas). Está inspirada nunha estreliña que aparece nunha moeda sueva, acuñada na época do Reino Suevo. É o momento digamos definitorio da nosa realidade nacional ou da nosa orixe nacional, no século V. Un dos puntos que fan deste reino algo tanxíbel e real é o feito de que a pesar de, sobre o papel ser subsidiario do Imperio Romano e ter asinado un acordo polo cal pois eles xestionan este territorio de acordo co Imperio, Requiario decide pasar olimpicamente e acuñar a súa propia moeda cando iso é algo que se reservan os estados. Hoxe en día por exemplo, no estado español é ilegal acuñar moedas, só o estado pode acuñar moeda. É moi simbólico. A moeda é a medida do traballo e moitas veces tamén a medida da riqueza, e na antigüidade aínda máis. O acuñado de moedas é o certificado dunha autoridade. Cando as moedas eran ouro, o acuñado da moeda servía para garantir que esa moeda contiña a cantidade de ouro que dicía conter. Ti cando recibes esa moeda, estás recibindo un metal asinado por alguén e aceptas iso como válido porque te fías desa sinatura. Quen asina esa moeda, é unha autoridade recoñecida. O feito de que Requiario acuñe unha moeda onde el manda poñer emitida por orde do rei  Requiario, o que está dicindo é eu son a autoridade recoñecíbel aquí e o feito de que se utilice e de que sexan aceptadas é un recoñecemento real e tanxíbel de que existe unha autoridade política, de que existe unha realidade económica nacional. Dalgunha forma é a mostra máis antiga da nosa realidade, xa non se queres como territorio ou cultural senón ao que podemos chamar estado, a construción social moderna coa que nós nos podemos identificar. Quixemos conectar cos diferentes elementos da nosa historia e este é bastante simbólico.

 

A estreliña dalgunha forma é o obxectivo.


-Todo ten algún significado nesta capa...

 

-Si, ao final tes moitas cousas na cabeza. Se che interesa a historia do teu país, se che interesa a realidade actual do teu país, se che interesa a economía, se che interesa a política, a cultura... Ao final vas absorbendo cousas e cando chega o momento de facer un deseño dalgunha forma vas telo aí. Entón, podería ter sido accidental, pero cando estás facendo a estrela é inevitábel que dalgunha forma penses voulle poñer oito puntas como mandou facer o rei Requiario alá polo século V. Dalgunha forma, internamente parece que lle estás facendo unha chiscadela a eses mil catrocentos longos anos de historia.