Trastornos da alimentación, ansiedade e depresión lastran a saúde mental infantil e xuvenil

Case a metade dos trastornos mentais infanto-xuvenís iníciase antes dos 14 anos. (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press).
A pandemia da Covid duplicou os casos de urxencias psiquiátricas infantís e aumentou o número de crianzas con ansiedade, depresión, trastornos da conduta alimentaria e autolesións.Son algunhas das expresións do impacto psicosocial da Covid, que urxe máis recursos asistenciais para os adultos do futuro.

Antes da pandemia da Covid-19 a preocupación pola saúde mental de crianzas e adolescentes xa formaba parte das axendas familiares, médicas e escolares.

Naquela altura, a Asociación Española de Pediatría manexaba datos suficientes para alertar da importancia de previr e dar resposta a todos os problemas relacionados coa saúde mental nas etapas iniciais da vida. 

Os nenos e os adolescentes comunican os seus problemas dunha forma distinta aos adultos

Destaca, entre outros, que case a metade dos trastornos mentais infanto-xuvenís se inician antes dos 14 anos mais que un 10% de crianzas menores de 12 anos e un 20% de adolescentes desenvolven nalgún momento algún tipo de trastorno mental. Ademais, o suicidio é a segunda causa de morte entre a poboación moza de 15 a 29 anos. A depresión é a causa principal, sobre todo cando non se diagnostica nin se trata.

A estas evidencias, pediatras de todo o estado suman agora outras derivadas da propagación do coronavirus e da pegada psicosocial que deixou entre a poboación menor de idade a enfermidade física que provoca. A pandemia, conclúen profesionais da pediatría, duplicou os casos de urxencias pediátricas infantís, os trastornos de conduta alimentaria -cada vez máis graves-, os casos de ansiedade, os trastornos obsesivo-compulsivos, a depresión e as autolesións.

Poboación sensíbel 

Desde a unidade de hospitalización de saúde mental infanto-xuvenil da área sanitaria de Santiago, o psicólogo clínico Carlos Álvarez confirma un incremento das consultas, de casos concretos e da preocupación das familias, de acordo coa experiencia dos profesionais que traballan en consultas externas.

"Temos constancia de casos de persoas que desenvolveron trastornos da conduta alimentaria. Un número significativo empezou durante o confinamento. A preocupación pola comida saudábel e as redes sociais deu pé a unha evolución cara a este tipo de patoloxía". Doutra banda,  o experto constata un aumento de "malestar e sintomatoloxía ansioso-depresiva", en especial, entre aquelas persoas con dificultades anímicas e emocionais ás que o confinamento, a perda da súa rede social e da actividade de ocio e tempo libre lles pesou máis.

A moita xente moza estalle custando recuperar a normalidade e volver ás rutinas diarias, advirte Carlos Álvarez. "Decatámonos de que a poboación infantil, adolescente e preadolescente foi moi sensíbel e vulnerábel ás condicións da pandemia", polo que tanto desde o ámbito familiar como escolar cómpre toda a atención para detectar calquera dificultade que, de non tratar a tempo, poida derivar nun trastorno máis grave.

"Os nenos e os adolescentes comunican os seus problemas dunha forma distinta aos adultos. Eu podo dicir: 'estou triste'. As crianzas comunícano doutra forma: danándose, con problemas na escola e mesmo mediante condutas agresivas que agochan un problema depresivo". 

Un indicador de que algo non vai ben é un cambio nos estudos, nas notas e no rendemento escolar, precisa. "O profesorado  decátanse axiña. Igual non saben identificar que pasa pero detectan que algo non vai ben e en ocasións advirten as familias".

Apoio social e educativo

Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais da Galiza ratifican o impacto da pandemia nas crianzas e nos fogares máis vulnerábeis. "Atopamos situacións de nenos e nenas con necesidade de atención e de prácticas de coidado que despuntan no ámbito educativo"; explica Sonia González, educadora social nun servizo de educación e apoio familiar municipal. 

Os docentes trasladan "condutas disruptivas" que ás veces non chegan a trastornos graves e que noutras ocasións precisarían dunha valoración especializada a través dos servizos de atención á saúde mental infanto-xuvenil, "desbordados".

"Vemos casos de trastornos do apego e da afectividade que teñen moito que ver coas experiencias familiares e educativas no fogar, ademais doutras condutas en nenos e nenas de educación infantil que deberan ser derivadas a atención temperá, agora masificada. As familias que poden acceder a servizos privados buscan aí un diagnóstico. E as que non, esperan até que unha orientadora escolar as derive a un servizo de educación e apoio familiar para recibir apoio e intervención".

González defende que os servizos sociais comunitarios están abordando situacións que deberan se tratadas na escola, "mais non hai servizos de apoio específicos e os de orientación están saturados". Por iso, reivindica o papel das educadoras sociais no ámbito educativo, para estabelecer unha coordinación eficaz entre as escolas, as familias, os servizos sociais e os de saúde, insuficientes, baixo o seu punto de vista. "Hai derivacións que esperan entre tres e seis meses para seren atendidas e situacións que de non se valorar con urxencia, poden xerar consecuencias graves. Como a expulsión dunha crianza de infantil, que non podemos consentir".

Intervención eficaz

Ambos os dous profesionais concordan na necesidade de traballar coas crianzas a todos os niveis: familiar, escolar e especializado. "Todos os problemas deben ser abordados a calquera idade, co obxectivo de que non se cronifiquen", apunta Carlos Álvarez. Moitos resólvense nun primeiro estadio, falando cos menores. "Hai que explorar esa vía. E se vemos que a situación non se reconduce, que a sintomatoloxía depresiva vai a máis; se observamos autolesións como forma de aliviar a ansiedade, hai que dar o paso cara a unha intervención máis eficaz, terapéutica e farmacolóxica, se fose preciso, a través da Atención Primaria, que dá acceso á rede de saúde mental infanto-xuvenil", conclúe.