Violencia machista

Trasladan a planta a muller agredida pola súa parella en Carballo após nove días na UCI

Hospital Universitario da Coruña. (Foto: Europa Press)
O xuíz decretou o pasado 1 de xuño o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, para o agresor.

A muller de 43 anos de idade agredida o pasado 30 de maio pola súa parella en Carballo evoluciona favorabelmente e xa pasou a planta logo de ficar durante nove días na UCI do Hospital Universitario da Coruña, segundo notificaron esta cuarta feira fontes sanitarias á axencia Europa Press.

O Xulgado de Instrución número 1 de Carballo decretou o pasado 1 de xuño o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, para a parella da agredida.

O home foi detido após entregarse á Garda Civil despois de fuxir do lugar dos feitos. Permanece investigado por homicidio en grao de tentativa, sen prexuízo de posteriores cualificacións conforme avance a instrución do caso.

A xuíza titular do Xulgado de Instrución número 1 de Carballo, que é o competente para asuntos de violencia sobre a muller no partido xudicial, tamén acordou unha orde de protección para a vítima e para os fillos da parella, o que implica que o home non pode aproximarse nin comunicarse con eles.

Do mesmo modo, suspendeulle o exercicio da patria potestade e a custodia dos menores, que será asumida en exclusiva pola nai.

Os feitos polos que se lle investiga sucederon contra as 2.45 horas do pasado 30 de maio no lugar de Fonte Caldeira, no municipio de Carballo, onde unha testemuña atopou a muller na rúa tras ser agredida e alertou a Garda Civil.

Ao lugar o 061 enviou dúas ambulancias de soporte vital básico, persoal sanitario do PAC de Carballo e unha ambulancia de soporte vital avanzado, que, logo dunha primeira asistencia no lugar, trasladou a muller ferida, duns 43 anos de idade, ao hospital coruñés. Pola súa parte, os dous fillos menores de idade da parella permanecen baixo custodia dun familiar directo da vítima.