Trasladan ao HULA un condutor indisposto que bateu contra un coche estacionado cando circulaba en zigzag

Hospital Lucus Augusti de Lugo. (Foto: Wikipedia)
A pesar de dar negativo na probas de alcol e drogas, presentaba restos de vómito nas mangas, tremores e era incapaz de manter o equilibrio.

Un condutor foi trasladado ao Hospital Lucus Augusti de Lugo o pasado sábado tras ser interceptado pola Policía Local e dar mostras de non estar en condicións de seguir ao volante. Segundo informaron fontes policiais esta segunda feira, os feitos ocorreron ao mediodía na Rolda do Carme, onde acudiu unha dotación do 092 tras recibir varias chamadas alertando da presenza deste coche que circulaba facendo zigzag.

Unha vez no lugar, os axentes comprobaron que o condutor sospeitoso circulaba de forma errática e que, tras bater contra un vehículo estacionado, seguira circulando uns metros en dirección á Fonte dos Ranchos, deténdose entón no medio da calzada.

Os policías aproximáronse a identificalo e decatáronse de que o home non estaba en condicións de conducir. Así, a pesar de dar negativo na probas de alcol e drogas, presentaba restos de vómito nas mangas, tremores e era incapaz de manter o equilibrio. Por estes feitos, os axentes alertaron os sanitarios do 061, cuxos efectivos acabaron trasladando o condutor ao hospital.

Outras incidencias

Por outra parte, a Policía Local de Lugo informou tamén de dúas denuncias contra senllos condutores por supostos delitos contra a seguridade viaria. O primeiro deles foi interceptado en Pena do Rei, e deu un resultado positivo no test de alcolemia de 0,80 mg/l; mentres que o segundo foi detectado na rúa Santiago, circulando de forma irregular, e ao ser identificado comprobouse que non tiña o carné en vigor por perda total de puntos.

Tamén se tramitaron expedientes de sanción administrativa a outros catro condutores, que foron interceptados nas rúas República Arxentina, Fonte Pena do Rei, Portiño e San Roque, e que deron positivo nos test de alcolemia —sen chegaren ao límite penal—.

A estas sancións súmanse outras multas por ter a ITV caducada —12 condutores—, por circular sen o seguro obrigatorio —catro—, por circular en patinete eléctrico con auriculares —dous—, por carecer de permiso de circulación válido —un condutor— e por circular cun vehículo que xa estaba dado de baixa —un—.