Mobilización en Ponte Caldelas

O transvasamento ao embalse de Eiras retiraríalle a metade do caudal ao río Verdugo

Barranco do Verdugo, en Ponte Caldelas

O domingo, día 3, Ponte Caldelas acolle unha mobilización contra o transvasamento de auga do río Verdugo -chamado Verduxo, na súa orixe- ao embalse de Eiras, unha reclamación do concello de Vigo para o que non existe ningún estudo de impacto ambiental, malia estar o río incluído na Rede Natura 2000.

O transvasamento reclamado polo concello de Vigo para aumentar o caudal do embalse de Eiras suporía retirarlle ao río Verdugo –incluído na Rede Natura 2000– case a metade da auga. E é que o caudal medio do río é de 870 litros por segundo á altura de Ponte Caldelas e a actuación para incrementar a presa levaría 350 litros. O 4 de febreiro de 2016, durante un temporal, acadara os 96 mil litros por segundo.

 

A operación impulsada polo concello de Vigo e por Augas de Galiza non contra con ningún estudo de impacto ambiental. Así o denuncia o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz (PSOE), quen critica que malia anunciar o Goberno galego publicamente que encetará a declaración de emerxencia da obra de bombeo non lle fixo ningunha comunicación oficial ao concello, o máis afectado polo transvasamento.

 

A zona na que a Xunta e o Concello de Vigo pretenden facer o transvasamento posúe un incalculábel valor natural, paisaxístico e turístico

 

O rexedor considera unha “salvaxada” e un “espolio ambiental” a actuación que quere desenvolver Augas de Galiza para reforzar o abastecemento de auga aos concellos de Vigo, Baiona, Cangas do Morrazo, Gondomar, Moaña, Nigrán, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, O Porriño, Mos e Oia.

 

O BNG, pola súa banda, critica a “présa” do alcalde de Vigo, Abel Caballero, por facer o transvasamento, “saltándose todos os estudos necesarios sobre o impacto ambiental que isto suporía, xa que implicaría unha diminución importante para o caudal ecolóxico do río”. A formación nacionalista ve detrás da operación “o desprezo que se ten do rural, que nos consideran como sucursais das cidades sen ter en conta a dignidade de quen decidimos vivir aquí”.

 

Mobilización o domingo

 

O malestar xerado entre a veciñanza após o anuncio dun bombeo que, segundo a Xunta, será puntual, provocou que o Goberno local de Ponte Caldelas –PSOE, Agrupación Veciñal de Ponte Caldelas e BNG– convocara unha manifestación para o domingo, 3 de decembro, ás 12h30 con saída da alameda. Conta co apoio da Plataforma pola Defensa do río Verdugo e da Asociación pola Defensa da Ría.

 

A zona na que a Xunta e o Concello de Vigo pretenden facer o transvasamento posúe un incalculábel valor natural, paisaxístico e turístico. De feito, a praia fluvial de Ponte Caldelas foi a primeira en recibir o distintivo da bandeira azul pola súa calidade. Por outra banda, a operación afectaría nomeadamente os tres saltos de auga e as tres pozas naturais que forman parte da paraxe coñecida como o barranco do Verduxo, un dos mellores lugares de Galiza para a práctica deste deporte (é utilizado nos adestramentos da Garda Civil de Montaña).