Primeiro avance significativo desde 2007

Transportes licita o estudo da saída sur de Vigo

Tren na liña Guillarei-Tui, nunha foto de arquivo (Foto: Adif).
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana licita hoxe o estudo informativo da saída sur ferroviaria de Vigo por unha cantidade que supera o millón de euros.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana licita hoxe o estudo informativo da saída sur ferroviaria de Vigo por unha cantidade que supera o millón de euros.

Tal e como indicou onte na súa comparecencia no senado a ministra Raquel Sánchez, trátase dun compromiso que resultou da Cimeira Hispano-Portuguesa do pasado mes de novembro. 

Esta é unha decisión que tanto Sánchez como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebraron por considerala unha mostra de inversión "fronte á parálise do goberno anterior" e de "compromiso absoluto do Goberno coa cidade". A licitación da saída sur de Vigo por tren supón o primeiro avance significativo no proxecto desde o ano 2007. 

O Goberno portugués expresou en varias ocasións o seu interese pola conexión entre o Porto e Vigo, chegando a anunciar o arranque das obras da conexión ferroviaria para 2026. A decisión do Goberno luso de levar a alta velocidade ata Valença no ano 2030 baséase na idea de seguir potenciando as relacións sociais, económicas e culturais a ambos os lados do río Miño. Porén, o Goberno do Estado español mostrouse sempre máis interesado nunha conexión ferroviaria co país veciño que ligue Lisboa e Madrid. Precisamente, nos orzamentos xerais do Estado dos últimos anos as partidas para o remate da conexión no Eixo Atlántico con Portugal, unha obra considerada estratéxica para o desenvolvemento social e económico da Galiza, son inexistentes ou recollen cantidades que unicamente cobren os gastos da elaboración de estudos informativos.  

Críticas ao atraso

O atraso da conexión da alta velocidade ferroviaria entre A Coruña e Lisboa foi fortemente criticado polos grupos da oposición, tanto na cidade olívica como no Congreso dos Deputados a través das emendas aos orzamentos do Estado presentadas polo deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Néstor Rego

A formación nacionalista exixiulle ao Goberno español "menos declaracións, menos promesas, e máis Boletín Oficial do Estado" para completar un proxecto que consideran de "importancia estratéxica" e de "carácter irrenunciábel" tanto para a área metropolitana de Vigo como para a Eurorrexión Galiza–Norte de Portugal.