Transportes comprométese a subir a 350 km/h a alta velocidade ferroviaria

Óscar Puente, este 17 de novembro. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

Óscar Puente, ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, fixo o anuncio esta segunda feira nun almorzo informativo no que afirmou que agarda un investimento de 60.000 millóns de euros nos próximos catro anos.

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, anunciou un plan para incrementar até os 350 km/h a velocidade dos trens na rede ferroviaria estatal de alta velocidade, só comparábel en todo o mundo ás prestacións da rede chinesa.

Así o asegurou o ministro esta segunda feira nos Almorzos Informativos de Europa Press, onde avanzou que o plan comezará na liña Madrid-Barcelona, onde en breve se empezarán a executar as obras de renovación para conseguilo.

Isto significa que o traxecto se realizará en menos de dúas horas, ao pasar dos 300 km/h actuais aos 350 km/h nos que operará proximamente, grazas a unhas novas travesas aerodinámicas.

O ministro abriu o acto asegurando que o día de hoxe marcará "un novo punto de partida" no transporte estatal, esperando un novo investimento de 60.000 millóns de euros no próximos catro anos, entre trens, estradas, portos e aeroportos.

Entre este investimento atópase a introdución desas travesas, que reducen nun 21% a carga aerodinámica que xeran os trens ao seu paso polas vías e, por tanto, impiden que a esas velocidades o balastro suba e impacte contra os baixos dos trens.

"Permite unha velocidade un 12% superior coa mesma carga aerodinámica e isto fai que unha velocidade de 330 km/h con esta aerotravesa, en termos reais, equivalla coas condicións actuais a unha velocidade de 370 km/h se colocamos esa travesa", explicou.

O plan inclúe unha conexión de Madrid-Chamartín con Barcelona, sen pasar por Atocha, así como unha nova estación de alta velocidade en Parla, ao sur de Madrid, co obxectivo de que os viaxeiros poidan ir desde Andalucía a Barcelona facendo un intercambio nesa estación e sen ter que entrar á capital española.