O transporte de viaxeiros da Coruña camiña cara a unha folga indefinida desde o 2 de febreiro

Protesta do persoal do transporte por estrada, este 9 de xaneiro, en Compostela. (Foto: Nicolás Satriano)
Continúan as protestas do persoal de transporte de viaxeiras e viaxeiros por estrada da Coruña, acusan a patronal de non negociar un convenio realista, e a Xunta de "ninguneo".

Esta sexta feira, traballadores e traballadoras do transporte de persoas viaxeiras por estrada da provincia da Coruña protagonizaron unha nova mobilización fronte á estación intermodal Daniel Castelao de Compostela, nunha xornada na que volveron exixir un convenio colectivo actualizado e "xusto" e uns salarios que sexan "dignos".

Con bandeiras ao vento, consignas alzadas e o pulso firme, perto dunha trintena de condutores e persoal de servizos deixaron claro que a paciencia chegou ao seu límite. “Estamos en 2026 e os compañeiros seguen cos salarios de 2024”, denunciaba Ernesto López, portavoz da CIG, unha das centrais que convocaron as protestas xunto a UXT e CCOO. Para López, a proposta das empresas, un alza acumulada de 4% para dous anos, "nin sequera cobre a inflación real do ano en curso”.

A orixe deste pulso remóntase ao pasado mes de decembro, cando os representantes sindicais decidiron manter un calendario de paros tras meses de negociacións paralizadas coa patronal do sector, que, alertan os sindicatos, estendeu a vixencia dun convenio colectivo "obsoleto" e sen "avances significativos" durante máis de catro anos. Fronte a esta situación, as asembleas de traballadores acordaron intensificar as accións: paros os días 12, 13, 16, 19, 20 e 23 de xaneiro e, se continúa o estancamento das negociacións, unha folga indefinida a partir do vindeiro 2 de febreiro. “Se a patronal persiste no seu inmobilismo, non nos quedará outra alternativa", advertían desde CCOO.

O conflito non só enfronta patronal e sindicatos. As críticas tamén apuntan á Xunta da Galiza, polo que os representantes sociais cualifican de "ninguneo" e "falta de mediación efectiva". Mentres, a Administración galega publicaba esta sexta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) unha orde que estabelece os servizos mínimos para garantir a mobilidade básica, sobre todo escolar e laboral, durante os días da folga. A Xunta xustifica os servizos mínimos fixados na dispersión poboacional do país e na necesidade de asegurar desprazamentos sen alternativa real, especialmente para estudantes, persoas traballadoras e dependentes. Pero para os sindicatos eses servizos mínimos son "abusivos" e "restrinxen a forza da mobilización", aínda cando recoñecen que algúns, como o transporte escolar, "si se están realizando por completo", mesmo en xornadas previas de paros.