Transporte e pandemia: o alumnado do rural suma atrancos no acceso ao ensino

O servizo de transporte que prové a Xunta na Galiza integra prazas para escolares con asentos para público xeral. (Europa Press)
Os cambios organizativos que a situación sanitaria derivada da pandemia impón no transporte colectivo está a ter incidencia no alumnado do rural, en especial para aquel que cursa estudos de Bacharelato ou FP, que non ten garantidos os traslados por parte da Xunta.

Denunciábano hai poucos días a deputada do BNG Olalla Rodil e a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, após reunirse con nais e pais do alumnado de Portomarín que acoden a recibir aulas á cidade de Lugo, e que se está a ver afectado polas modificacións de horarios que impoñen as novas quendas escolares nos traslados, garantidos no ensino obrigatorio pero non para o estudantado de etapas posteriores.

Esta semana, a Confederación de Anpas Galegas mantiña unha xuntanza co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na que alertaba da situación destes alumnos e alumnas e avanzaba que trasladará unha petición para que toda a mocidade do rural poida ter cubertas as conexións de transporte que permitan un acceso ao ensino en condicións de equidade, sen ter que renunciar a estudar na súa poboación ou nas máis próximas por problemas de mobilidade.

"Preocúpanos que se preste o servizo. Se algo quedou demostrado con esta pandemia é que o rural ten que permanecer vivo, aberto, e para iso é necesario proporcionar os servizos e a conectividade, para reverter o abandono e a despoboación que se vén producindo nos últimos anos", sinala a vicepresidenta da entidade, Isabel Calvete, responsábel tamén da federación luguesa de ANPA. 

Problema endémico

As dificultades do alumnado do rural con transporte non nacen, sinala Calvete, dos cambios aplicados polo contexto sanitario, senón dun déficit de conectividade "de anos", mais en ocasións si os agravan, ao supeditar os traslados das alumnas e os alumnos preuniversitarios ás novas condicións nos centros de ensino obrigatorio, con desdobres e cambios horarios ou de rutas.

Aínda se poden beneficiarse deste tipo de transporte, este non ten por que adaptarse aos seus horarios lectivos ou as súas rutas, e o mesmo co alumnado de etapas obrigatorias que reside a menos de dous quilómetros do seu centro. 

En 2017, a Xunta puxo a andar o transporte compartido, que reserva prazas, e preferencia, para o público escolar  (nos cursos obrigatorios) e deixa unha parte para o traslado ordinario, "multiplicando –segundo defende a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade– as opcións, especialmente no rural, ao permitir que as persoas maiores empreguen as prazas baleiras dos autobuses escolares, que contan sempre cun acompañante". 

No entanto, desde o BNG atribúen as dificultades que sofre o alumnado dos ensinos postobrigatorios no rural ao "recorte de servizos no medio rural que levamos vendo durante as últimas décadas".

"Este estudantado non conta cun transporte habilitado pola Xunta –aínda que si pode empregalo, no caso de quedar prazas libres–, o que en circunstancias normais encarece o acceso a este nivel educativo; porén, aínda supón un maior custo se a única opción coa que conta é un taxi", lamentaba no encontro coas familias de Portosín Olalla Rodil, quen urxe o Goberno galego á posta en marcha de "ferramentas de mobilidade" desde as áreas rurais, para dotalas de servizos "que non só benefician as alumnas e alumnos, senón o conxunto da veciñanza, para a súa mobilidade polo territorio".

"Vector de contaxio"

As condicións nas que se está a prestar o servizo de buses no contexto da pandemia preocupa tamén ao Sindicato Labrego Galego, que alerta das condicións que sofren fóra dos contornos urbanos as persoas usuarias , ao ver no transporte colectivo un posíbel "vector de contaxio".

A "imposibilidade de manter as distancias de seguridade" nos buses e a "constancia" de que non se están a desinfectar os vehículos despois de cada uso son algunhas das deficiencias das que advirte a organización, que acusa a Xunta –e, en concreto, as Consellarías de Educación e Sanidade– de "non ter feitos os deberes de cara a garantir a saúde da rapazada, do profesorado e das súas familias" neste inicio do curso.