SILVIA FRAGA

“Transparencia non é limitarse a pendurar na web documentos e organigramas”

Os concellos galegos suspenden en transparencia. É a conclusión do estudo da Rede local de administración pública (Rede Localis). E de transparencia falamos con Silvia Fraga, experta en xestión e deseño da imaxe política, institucional e empresarial.

O Estado español foi dos últimos na contorna europea en impulsar unha lei de transparencia, compartindo o vagón de cola con Chipre e Malta, lémbranos Silvia Fraga. Pode que non sexa unha lei perfecta, mais pon en valor que “é unha boa forma de empezar o camiño, un primeiro paso”. Fai memoria e cita un estudo do Obervatorio nacional de participación política de 2013 que recollía como un 65,5% dos cidadáns crían que a calidade da información da administración pública era boa ou moi boa, e en paralelo un 63,5% deses mesmos cidadáns recoñecían non confiar nesa información. Unha situación que evidenciaba tanto unha fenda entre administración e cidadá como unha fonda desconfianza.

Silvia Fraga é consultora de comunicación, imaxe e relacións públicas, así como experta en xestión e deseño de imaxe política, institucional e empresarial. Sitúa a transparencia como unha base que é imprescindíbel para construírmos “unha nova forma de facer goberno”. Mais, advirte, córrese o risco de que se interiorice polas administracións a transparencia como un mero trámite, algo rutineiro e formal. “O mero feito de pendurar na web organigramas, docunmentos... non significa que unha administración sexa transparente”, clarifica.

'Goberno aberto'

É mais, explica, a transparencia é un dos tres alicerces para garantir o que se denomina 'open government', o goberno aberto. Ten que ir acompaña dos outros dous: participación e colaboración. “E neses dous, a verdade é que estamos aínda moi frouxos”, recoñece, ao tempo que pon como exemplo neste campo os Estados Unidos, país onde Al Gore comezou a impulsar en 1992 outras formas de relación coa cidadanía aproveitando as potencialidades de internet.

“Aquí aínda estamos moi lonxe do nivel de EUA ou dos estados nórdicos europeos”, afirma Fraga, “mais mellorouse moito”. Aínda así, amosa a súa sorpresa porque aínda haxa concellos en Galiza que non están nas redes sociais, “cando nelas está até o salón de peiteado da esquina, e non poden alergar que é algo caro...”.

Un cambio cultural

Fraga fai fincapé no cambio cultural. “A cultura da transparencia ten que vir das dúas vías: das institucións, mais tamén da cidadanía”. Nesta liña, recoñece a pexa de que moitas veces as redes sociais das administracións e institucións ´son unilateriais: “emiten mensaxes, información, mais non escoitan”. Lograr que sexa bi-direccional é o seguinte paso a dar, un paso no que “os cidadáns temos moito que dicir”.