"A transmisión comunitaria está totalmente descontrolada"

A mobilidade e a interacción social marcan o sentido das medidas que buscan limitar a expansión da Covid-19 (Arxina).
Expertos médicos afeitos a manexar os números da pandemia esperan un novo incremento de contaxios antes dunha tregua.

Galiza rexistra máximos históricos en materia de Covid-19 desde o inicio da pandemia. Os contaxios por coronavirus non deixan de subir e durante os vindeiros días, apunta o médico Luís Vázquez, especialista en análises clínicas, irán en aumento. "As previsións indican que o pico seguirá crecendo. Esperamos que a pendente non sexa moi acusada pero durante un par de semanas, polo menos, a tendencia será á alza, porque a transmisión comunitaria está totalmente descontrolada" advirte. 

Durante un par de semanas, polo menos, a tendencia será á alza.

Vázquez pon o acento nos labores de rastrexo, insuficientes e faltos de recursos para un seguimento rigorosos de todos os casos activos diagnosticados, di. "Estanse a facer entre 8.000 e 9.000 PCR diarias. Son moitas e representan unha gran mellora, ao igual que os tests de antíxenos que nos permiten diagnosticar a enfermidade en poucos minutos desde o primeiro día con síntomas. Mais de nada serve identificar moitos casos se despois obviamos os contactos ou tardamos dez días en chamar a un positivo", para iniciar o control dos posíbeis casos asociados ao seu, máis, afirma, cando 80% das veces de descoñece a orixe da infección.

Repunta dos ingresos

Con todo, o que máis lle preocupa é o número de hospitalizacións e de pacientes que ingresan na UCI, "cuxa ocupación rolda 23% na Galiza só con doentes Covid".
Para Ignacio Ramil, médico internista no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, a repunta de ingresos en todos os hospitais do territorio é unha evidencia chave para o futuro da presión asistencial.

O aumento de ingresos a partir dunha incidencia relativamente baixa suxire un incremento na fraxilidade dos pacientes infectados.  

"Estamos vendo unha suba bastante marcada nos últimos dez días en todas as áreas, unha repunta que vén dunha incidencia relativamente baixa se a comparamos co número de infeccións que, calculamos, imos ter na rúa os próximos días", explica Ramil en declaracións a Nós Diario, "o que tamén nos suxire un incremento na fraxilidade dos pacientes infectados por coronavirus".  

Os datos que manexa reflicten un crecemento exponencial da doenza en todas as áreas sanitarias -máis controlado en Ourense, por vir de incidencias máis altas e temperás-. "Un incremento sostido que se freará no momento en que as medidas implantadas ou os hábitos sociais teñan efecto e aplanen a curva", afirma Ramil.

O empeoramento da situación iniciouse o pasado 8 de outubro. "Viñamos dunha mellora desde o 15 de setembro que se cortou de súpeto. As incidencias comezaron a crecer de forma parella en case todas as áreas, con incrementos moi notábeis que no caso da Coruña-Cee poden achegarnos aos 2.000 casos activos ao cabo desta semana despois de sumar perto de 1.000 novos positivos".

Se os contaxios manteñen este ritmo a carga asistencial pode verse comprometida, especialmente nalgunhas áreas onde a capacidade dos hospitais é máis limitada.

Son estimacións que haberá que confirmar nos primeiros días da semana que vén, di Ramil. Serán fundamentais para predicir "unha posíbel tregua, que é de esperar", mais tamén a presión hospitalaria dentro dun mes. "Se os contaxios manteñen este ritmo a carga asistencial pode verse comprometida, especialmente nalgunhas áreas onde a capacidade dos hospitais é máis limitada". E pon o exemplo da de Ferrol, onde a razón de incremento por caso confirmado se sitúa en 2,4, a máis elevada do territorio. "Atravesa unha situación crítica que cómpre observar de perto".

"Cómpren medidas preventivas selectivas máis drásticas"

"Creo que se está actuando de forma reactiva, no canto de tomar medidas de prevención que eviten o empeoramento da situación antes de que sexa tarde", salienta Luís Vázquez, que aposta por solucionar o problema sanitario que representa a Covid-19 como estímulo para a recuperación económica. Neste sentido recomenda accións agresivas e localizadas. "Confinamentos selectivos que limiten a mobilidade, a interacción social e os contaxios".