Trampas para reducir a carga de velutina

Niño dunha vespa velutina (Xunta).
Coa chegada da primavera comezan a activarse os recursos destinados a combater a invasión de avespa asiática. As raíñas abandonan o seu letargo e inician un novo ciclo vital. É o tempo do trampeo e da desactivación dos niños primarios de velutina. Hai que darlles captura antes de que desaparezan para aumentar a súa colonia. 

Non fixo falta esperar os primeiros días de calor para que apicultoras e particulares volvesen reparar na velutina. Desde o primeiro de marzo están preparadas para darlle captura e minguar o impacto que poida ter na súa produción mais na propia contorna.

A avespa asiática está instalada na Galiza. "Está estabelecida", sinala o presidente da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Xesús Asorei. "Non marchou. Está asentada, sobre todo na beira do mar e nos vales do interior. Nas zonas de montaña a praga vai con atraso pero tamén se acabará notando no prazo dun ano ou dous", asegura.

Ao cabo do primeiro mes de trampeo, as sensacións varían segundo a localización xeográfica dos apicultores. Desde as zonas costeiras informan dunha captura sostida de raíñas de velutina, indica Asorei a Nós Diario. "Están caendo tanto na Mariña como nas Rías Altas e nas Baixas. E malia que o ritmo non é igual en todas as localidades, hai diferenzas claras co interior, onde se observa un comportamento distinto, por mor do frío. Con todo, sabemos que na Estrada están rexistrando boas capturas, moito mellores que en Lalín. Ou tamén en Monforte e en Curtis, onde a pesar das temperaturas, máis frescas, apuntan bos apresamentos", engade. Así, impiden que se reproduzan e que formen os niños máis grandes.

Trampeo

O concello de Carballo, na comarca de Bergantiños, segue a ser un dos máis activos na loita contra a velutina. O ano pasado capturou máis de 12.000. Fíxoo en colaboración con apicultoras e particulares a través do Servizo Municipal de Control de Pragas, baixo a dirección da empresa concesionaria, Plaguiber. Segundo o seu responsábel, Isidro Rodríguez, en 2020 contan con 62 colaboradores e 572 trampas instaladas. 

"Témolas repartidas polas 18 parroquias do concello. E onde non chega a veciñanza, levámolas nós. En marzo, foron capturadas 2.868 raíñas", fronte ás 1.480 do mesmo mes do ano pasado.

Malia as restricións do estado de alarma, o operativo funciona con normalidade e gaña a atención de quen se ve na obriga de pasar máis tempo na casa ou nas súas proximidades. "Insistimos moito en que se fixen nos alpendres, nos beirís dos tellados ou dos feches, para dar cos niños primarios, mais, de momento, non tivemos ningún aviso", sinala Rodríguez a este xornal.

Desde Carballo recoñecen que o traballo de contención e eliminación non reduciu a poboación de velutina pero permitiu estabilizala. No Morrazo, este mesmo labor, de captura de raíñas e retirada de niños, deu resultado sobre todo na contorna dos apiarios, onde rexistran menor presenza.

"Desde hai tres anos contamos coa colaboración dos concellos de Bueu, Cangas e Moaña para desenvolver unha campaña de trampeo na que participan unhas 500 persoas", explica a Nós Diario José María Bello, coordinador da AGA na comarca. "Saben identificar e retirar os niños primarios, de noite, sen necesidade de insecticida, coa axuda dun soprete pequeno ou simplemente esmagándoo;  ademais de elaborar as súas propias trampas, con auga, azucre e lévedo de pan". Contan 450 enredos colocados estratexicamente en zonas solleiras e floridas, algúns con máis de 60 capturas en marzo.