O trámite parlamentar para crear unha universidade privada na Galiza reactiva o movemento na súa contra

Imaxe de arquivo dunha concentración contra o proxecto de crear unha universidade privada na Galiza (Foto: Arxina)

Concentración da Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública esta terza feira ante o Parlamento e o 2 de xuño en todos os campus galegos.

A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública fai un chamamento á comunidade universitaria a participar na concentración convocada para esta terza feira, día 25 de maio, ás 11:00 horas, diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate e toma en consideración do proxecto de lei para a creación da universidade privada vinculada a Abanca.

Unha medida, indica a Plataforma, coa que se abriría a tramitación da lei no Parlamento que, tras os debates da emendas en comisión, podería aprobarse finalmente en pleno antes do verán “se o PP pretende acelerar os prazos para evitar a resposta social”.

As organizacións sindicais, profesionais e estudantís que conforman a Plataforma critican o proceso iniciado polo Goberno de Núñez Feixoo, “en contra das tres universidade públicas, que conxuntamente se pronunciaron na defensa do carácter público dos estudos superiores”.

Consideran, aliás, que na Galiza non é necesaria unha universidade privada e que a ampla oferta académica do sistema universitario galego (SUG) responde á demanda existente e onde non chega é “olas limitacións fixadas pola Xunta”.

Mobilizacións o 2 de xuño en todos os campus

A Plataforma ten previstas novas concentracións contra este proxecto para o mércores día 2 de xuño as 11:00 horas, desta volta nos 7 campus.

Santiago de Compostela. Reitoría da USC. Praza do Obradoiro.
Lugo. Biblioteca Intercentros. Rúa Bernardino Pardo Ouro.
A Coruña. Facultade de Informática. Campus Universitario de Elviña.
Ferrol. Vicerritoría Ferrol. UDC. Rúa Doctor Vázquez Cabrera
Vigo. Reitoría da UVigo. Campus Universitario de Vigo. As lagoas, Marcosende.
Pontevedra. Facultade de Ciencias Sociais. Campus Universitario da Xunqueira,
Ourense. Facultade CC Educación e Facultade de Historia. Campus As Lagoas, Edificio de Ferro.

A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública está composta polas tres organizacións sindicais con representación nas tres universidades galegas (CIG, CCOO e UGT), así como polas organizacións estudantís Erguer, ANEGA, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes.